O Belén Artesanal de Valga tamén recadará fondos para as vítimas da traxedia de Valencia

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

CEDIDA

As persoas e entidades interesadas en doar agasallos, que serán sorteados nunha tómbola benéfica, poderán facelo cada día no local da asociación

06 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A conta atrás para a inauguración do Belén Artesanal de Valga, prevista para o 1 de decembro, xa comezou a correr. E dado o seu carácter de anuario, que recolle as novas máis salientables do ano que remata, non podía deixar de se deter na traxedia que a peor dana do século vén de provocar na Comunidade Valenciana. Máis aló da súa representación entre as figuras, o Nacemento desenvolverá unha tómbola benéfica para recadar fondos que poidan axudar aos afectados pola devastadora catástrofe natural.

A tómbola vaise celebrar durante a fin de semana da ponte de decembro, e as persoas e entidades que queiran colaborar poden doar os seus agasallos no local do Belén todos os días, a partir das seis e media da tarde. Eses regalos serán sorteados entre as persoas que adquiran os boletos durante a tarde do sábado 7 de decembro e, no caso de que aínda queden obsequios, tamén no serán do domingo, 8 de decembro.

O Belén Artesanal acada xa a súa trixésima edición e atópase en pleno proceso de montaxe. Como cada ano, os integrantes da asociación Amigos do Belén inician a mediados do mes de outubro a retirada do anterior deseño para idear e dar forma aos novos contidos. Na última ocasión foron máis de 45.000 as persoas que se achegaron a contemplalo, batendo todos os rexistros.

Declarado de Interese Turístico de Galicia, o Belén Artesanal mantén en absoluto segredo a súa visión sobre as novas locais, estatais e internacionais ata o momento da súa inauguración. Nestas primeiras semanas, o equipo traballa en confeccionar figuras, edificios, vestimentas e mecanismos. Algunhas das montaxes vanse manter, mentres que outras resultarán unha absoluta novidade para o seu numeroso público. Son arredor de catro mil as figuras que se dispoñen nun espazo de catro mil metros cadrados, o meirande de Galicia.