O mundo da navegación tradicional remonta de novo o Ulla en lembranza de Rosalía

Serxio González Souto
s. gonzález VALGA / LA VOZ

VALGA

34 embarcacións chegadas de toda Galicia participaron na décima edición da Inchadiña Branca Vela

02 sep 2023 . Actualizado a las 20:41 h.

Van alá dez anos dende que a Fundación Rosalía de Castro e a Asociación Cultural Dorna, de A Illa, fundiron o seu esforzo nunha das homenaxes de meirande sensibilidade de cantas en Galicia se lle renden á matriarca das letras. Inchadiña Branca Vela é unha iniciativa que recolle o primeiro verso do poema que Rosalía dedicou en Cantares Gallegos ás dornas que remontaban o Ulla. Foi, precisamente, o 150 aniversario da súa publicación o que motivou a primeira navegación a bordo de embarcacións tradicionais que partiu de Valga con destino a Padrón. Un ritual que este sábado reviviron 34 naos chegadas dente todos os recunchos do país.

Entre a flota que partiu ás catro da tarde da praia fluvial de Vilarello, en Valga, atopábanse 27 dornas distintas procedentes das rías de Arousa e Pontevedra, ademais dun volanteiro e unha gamela da Guarda, un galeón da Arousa, un bote de Ribadeo, un bote da ría de Vigo e dúas bucetas do Ézaro e O Freixo.

Coa cooperación dos concellos de Valga, Catoira, Dodro e Padrón, a comitiva desenvolveu a homenaxe á memoria de Rosalía na estatua da poetisa que embelece o espolón do último dos catro municipios. «¡Que inchadiña branca vela / antre os millos corre soa, / misteriosa pura estrela! / Dille o vento en torno dela: / ‘‘Palomiña, ¡voa!, ¡voa!''».