Eliminados dous vertidos de augas residuais en Cambados e
no río Valga

La Voz CAMBADOS / VALGA

VALGA

Praia de San Tomé (Cambados)
Praia de San Tomé (Cambados) MONICA IRAGO

En ambos casos, os focos tiñan a súa orixe en vivendas 

03 mar 2023 . Actualizado a las 12:05 h.

A Xunta vén de informar da eliminación de dous puntos de vertido de augas residuais en Cambados e en Valga. No primeiro caso localizábase preto da praia de San Tomé e foi detectado polo persoal do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, durante tarefas rutineiras de inspección que se levan a cabo nos distintos termos municipais do ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Os técnicos da Xunta detectaron unha acometida irregular de augas residuais asimilables a urbanas procedente dun inmoble da mesma rúa, notificou a situación ao Concello e procedeuse a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega contaminante.

En Valga o problema detectouse na parroquia de Santa Cristina de Campaña, procedente dunha vivenda unifamiliar que vertía directamente ao río Valga.

A Xunta informou ao titular da necesidade de proceder á adopción das medidas precisas para a emenda do vertido, realizando este a conexión correspondente das augas residuais cara á fosa séptica existente na vivenda.

Nunha recente inspección á zona, o persoal de Augas de Galicia verificou a finalización do foco de augas residuais ao río Valga, en cumprimento do requirimento efectuado ao titular da vivenda, segundo informan desde a consellería.