Hamburguesas de anguía, a saborosa proposta dos «minichefs» de Valga

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VALGA

CEDIDA

Os pequenos descubriron que este manxar pode prepararse de múltiples formas

05 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En Valga están a debullar o amplo programa de actividades que se preparou co gallo da festa da anguía e da mostra da caña do país. Amparado baixo o lema «Agosto gastronómico», hai unha extensa colección de actividades. A última en se celebrar tivo como protagonistas aos máis cativos da localidade, que o mércores puxeron o mandil e o gorro de cociñeiros para participar nun obradoiro infantil no Parque Irmáns Dios Mosquera que contou coa participación dunha vintena de rapaces.

Os «minichefs» descubriron que a anguía pode prepararse de múltiples formas e, algunhas delas, moi apetecibles para eles e cunha elaboración moi divertida e doada. Como exemplo as hamburguesas que prepararon durante o obradoiro, empregando ingredientes como pataca cocida, pan raiado e, como non, anguía, que eles mesmos tiveron que desespiñar. Os chefs encargados da actividade —Rocío Garrido, Fran Jamardo e Coque Fariña— botáronlles unha man. E como colofón a este taller, os pequenos cociñeiros prepararon unha deliciosa sobremesa: unhas bolas feitas con galleta e queixo e recubertas con lascas de chocolate e coco.