O Concello de Valga restaura o cruceiro de Eirexe

La Voz VALGA

VALGA

A actuación centrouse na limpeza da peza, retirando a sucidade superficial e as colonias biolóxicas de musgos e liques

15 jun 2022 . Actualizado a las 17:25 h.

O Concello de Valga continúa a desenvolver accións de coidado e conservación do seu patrimonio cultural e histórico e nos últimos días procedeu ao acondicionamento dun cruceiro emprazado no lugar de Eirexe (Setecoros), uns traballos que foron realizados polos restauradores Luis Enrique Rodríguez Arias e Ana Sánchez Calzada e que foron financiados cunha subvención da Deputación.

A actuación centrouse na limpeza desta peza da arte relixiosa popular, retirando a sucidade superficial e as colonias biolóxicas de musgos e liques. A isto engadíronse traballos de consolidación nalgunhas zonas que o precisaban coma, por exemplo, pequenas lascas que se reencheron con morteiro para evitar que se seguisen acumulando depósitos de po e terra ou musgos.

Nalgunhas xuntas tamén se retiraron os morteiros antigos para aplicar outros novos de cal e evitar, así, as filtracións de auga ou sucidade. As actuacións tamén afectaron ao baseamento do cruceiro, de planta cuadrangular e composto por dous chanzos. O primeiro deles atopábase soterrado e cuberto de maleza e vexetación que foi retirada para liberalo e deixalo despexado, segundo informa o Concello.

A nivel estrutural non se realizou ningunha acción posto que «a pedra atópase en mo bo estado» máis aló da sucidade que presentaba, destacaron os restauradores.

Este cruceiro, do que se descoñece a súa data de construción, atópase situado á beira dunha estrada que comunica Cerneira coa igrexa parroquial. No seu día, e con motivo dunhas obras de mellora desta vía, foi reubicado apenas un metro por detrás do seu emprazamento primitivo e, ademais, procedeuse a un xiro de 180 graos de maneira que, a parte que hoxe se observa como frontal, coa Virxe da Soidade de pé sobre unha cabeza dun anxo, correspóndese coa cara posterior orixinal, na que aparecía a imaxe dun Cristo de tres cravos do que actualmente só se conservan os pés.