A obra na estrada Valga-Martores permitirá delimitar o tráfico rodado e peonil

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

CAPOTILLO

A actuación, aprobada pola Deputación, ten un orzamento de 462.521 euros

08 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar o expediente para contratar as obras de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-8501 Valga-Martores, no Concello de Valga, unha actuación que ten un orzamento de 462.521 euros. As obras, baixo o modelo de seguridade amable e segura da institución provincial, pretenden delimitar a circulación do tráfico rodado e peonil nun tramo de preto de medio quilómetro, coa creación de espazos peonís seguros para os colectivos máis vulnerables, tendo en conta, como sinalou a presidenta Carmela Silva, que se trata dunha estrada moi importante «en canto ao seu tránsito peonil e tamén porque pola zona transcorre o Camiño de Santiago».

As obras, que financiará ao 100 % a Deputación, obedecen a tres tipos de actuación diferentes, en función da casuística existente ao longo do trazado. No primeiro tramo, de 90 metros, reordenarase o espazo da intersección existente coa instalación dunha glorieta para ordenar o tráfico, executaranse pasos de peóns sobreelevados na entrada da mesma e a, continuación, na estrada provincial habilitaranse dous carrís de 2,75 metros de ancho cada un, beiravías de 0,50 metros e unha senda peonil de 90 metros na marxe dereita da estrada. 

Prioridade peonil

No segundo tramo, crearase unha zona de convivencia con prioridade peonil e ancho variable, deseñada en formigón coloreado e, por último, nos restantes 190 metros ensancharase a plataforma existente mediante a execución de muros de contención nas zonas de terrapléns e escavacións nas zonas de desmonte, co fin de conseguir unha sección tipo de mínimo 9,50 metros de ancho e unha senda peonil na marxe dereita de mínimo 2,50 metros de ancho, así como unha cuneta de formigón na marxe esquerda.

A maiores, o proxecto contempla a renovación do aglomerado existente, a implantación de redutores de velocidade e pasos de peóns sobreelevados, sinalización horizontal e vertical, varandas de seguridade, unha nova rede de recollida de augas pluviais e unha rede de alumeado público con luminarias led de alto rendemento.