A Aula CeMIT de Valga oferta catro novos cursos e seminarios gratuítos

p. penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VALGA

MONICA IRAGO

Aprende a detectar de forma sinxela virus en mails e páxinas web é o nome da primeira actividade, o vindeiro martes

14 ene 2022 . Actualizado a las 10:56 h.

A Aula CeMIT do Concello de Valga, destinada ao fomento da alfabetización dixital dos cidadáns da localidade, vén de anunciar os seus primeiros catro cursos e seminarios no ano que acaba de arrincar, todos eles sen custe ningún para os seus alumnos.

A primeira proposta formativa é o seminario web Aprende a detectar de forma sinxela virus en mails e páxinas web, programada para o vindeiro martes, día 18, a partir das cinco da tarde e tan acaído nestes tempos de proliferación de estafas a través da rede. Unha semana despois, o martes día 25, a Aula CeMIT ofertará o seminario Google Maps desde cero: Moito máis ca un GPS. 

Ademais, en Valga tamén están abertos os prazos de inscrición de dous cursos, Sácalle partido ao teu móbil e Iniciación á informática. Nestes dous últimos casos, as datas de celebración serán fixadas unha vez se conformen e pechen cadanseu grupo de participantes. 

Formas de inscrición

Os interesados en calquera das propostas coas que empeza o ano a Aula CeMIT do Concello de Valga poden inscribirse, de forma gratuíta, na casa consistorial, presencialmente ou ben chamando ao número de teléfono 986 559 456, ou de calquera das mesmas dúas formas no Auditorio Municipal, cuxo número telefónico é o 986 556 769.