Un Belén con figuras feitas a man gaña o concurso que organiza o Concello de Valga

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

O xurado tivo que elixir entre as catro propostas presentadas

08 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A vixésima edición do Concurso de Beléns de Valga xa ten gañador: Fernando Gómez Mendoza, de Pontevalga, que participou no certame cun nacemento composto por pezas feitas artesanalmente pola súa avoa, Celia Rincón, empregando materiais coma arxila, arame, cunchas, area pintada ou pedras. Os concelleiros de Cultura, Pedro Calvo, e de Turismo, Malena Isorna, fixeron entrega dos premios. O gañador do primeiro premio recibiu 150 euros en vales para mercar no comercio local.

O segundo premio, que ascendeu a 100 euros, recaeu en Sarai Vilas López, de Beiro, que presentou un belén cunha disposición moi orixinal: as escenas estaban colocadas polo tronco e as pólas dunha árbore e unidas por pontes colgantes. Outra parte do nacemento repousaba ao pé desta estrutura. Fran e Juan Otero Lobato, de Laxes, foron os gañadores do terceiro premio (75 euros en vales) cun belén de máis de 150 figuras e 12 metros cadrados, que conta con pezas feitas a man e incorpora tamén luz e auga. Incluía, ademais, unha homenaxe a La Palma. O cuarto participante no concurso, Francisco Barreiro, recibiu un diploma e un roscón. Participou por iniciativa das súas netas cun pequeno belén que colocou no seu xardín.