Xunta e Concello asinan o convenio para executar obras nos ríos Louro e Valga por 1,2 millóns de euros

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

MARTINA MISER

O obxectivo desta actuación é minimizar o risco de inundacións

08 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou telematicamente co alcalde de Valga, José María Bello, o convenio de colaboración para acometer as actuacións para minimizar o risco de inundacións nos ríos Louro e Valga, que suporán un investimento de 1,25 millóns de euros. Augas de Galicia asume integramente o financiamento da contratación da redacción e aprobación do proxecto. As actuacións están cofinanciadas con fondos Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.

Augas de Galicia xa ten adxudicados os traballos de redacción do proxecto de mellora do espazo fluvial do río Louro. Este contrato permitirá definir as medidas para encauzar este río nunha lonxitude de preto de 600 metros desde augas arriba da estrutura baixo a estrada PO-548 ata a zona baixo a liña ferroviaria. Tamén está adxudicada a redacción do proxecto para a protección da marxe dereita do río Valga para minimizar o risco de asolagamento neste municipio.

Estes traballos céntranse no deseño das actuacións para a protección fronte ao desbordamento, coa demolición do muro existente nesa marxe do río, inmediatamente augas arriba da estrada N-550, e a súa substitución por un muro sobre o que se aplicarán técnicas de bioenxeñería. A estas intervencións súmase a mellora do espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa, cuxa redacción de proxecto está en fase de contratación.

O departamento que preside Ethel Vázquez tamén levará a cabo as actuacións que permitan a licitación, a contratación e a execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización. O Concello asume a posta á disposición dos terreos necesarios para as obras e á realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución.