A escola de música de Valga vaise de campamento a Astorga

La voz VALGA

VALGA

Participan medio cento de alumnos e o sábado e o domingos actuarán para o público leonés

23 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Escola Municipal de Música trasladou durante esta semana a súa actividade á localidade leonesa de Astorga, onde desenvolve a vixésimo segunda edición do seu campamento de verán, unha iniciativa que permite ao alumnado compartir unhas xornadas musicais e tamén experiencias de ocio.

A expedición partiu o na mañá do luns dende o auditorio e a súa estadía en Astorga prolongarase ata este domingo. Na viaxe participan arredor de cincuenta músicos de dúas agrupacións da Escola Municipal: a Banda de Música e a Orquestra Clásica. Acompáñanos catro directores de diferentes especialidades, tres persoas colaboradoras da asociación Musival e dous monitores de tempo libre.

Durante a semana, os músicos asisten a clases colectivas e sesións de ensaio, que compaxinan con actividades de lecer e tempo libre e visitas culturais. Este xoves foron recibidos no Concello de Astorga polo alcalde, Juan José Alonso Perandones, e a concelleira de Cultura, un acto previo aos concertos que protagonizarán esta fin de semana.

O sábado a Banda de Música Municipal actuará no adro da catedral de Astorga xunto coa Banda Municipal de Astorga. Para este concerto incorporaranse outros once músicos que non asisten ao campamento e que se desprazarán dende Valga. As actividades pecharanse o domingo con outro concerto da Orquestra Clásica na Igrexa dos Padres Redentoristas, co acompañamento dun pianista e a solista Anna Melkhova.

Este campamento é organizado entre a Escola de Música e a asociación cultural Musival coa colaboración do Concello, que financia os traslados en autobús.