O Festival Internacional de Narración Oral, Atlántica, para nos Martores

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

MARTINA MISER

Lorena Pinheiro actuará no entorno da capela valguesa o sábado

05 jul 2021 . Actualizado a las 21:51 h.

As historias contadas son o eixo do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Un certame que ten previsto facer parada en Valga, e non nun sitio calquera, senón na capela dos Martores. Ata alá se achegará Lorena Pinheiro, que presentará o seu espectáculo «2 pasos, 25 pesetas». Se ese nome lles remove algo no fondo da memoria é que forman vostedes parte dese grupo de idade que aínda recorda os teléfonos públicos dos bares. Teléfonos coma os do establecemento da familia da contadora que visitará Valga cun espectáculo que responde a esa necesidade, tan humana, de contarnos a vida con máis ou menos detalle.

Lorena Pinheiro acompaña as verbas de pequenas intervencións musicais coa pandeireta da súa avoa Saladina, «dando forma a un espectáculo axeitado para a comunicación escénica que encaixa en todo tipo de programación para público novo e adulto». É dicir: este non é un espectáculo de conta contos pensado para a cativada, senón para público de máis de 18 anos.

A cita en Valga con Lorena Pinheiro e as súas historias será o vindeiro sábado, 3 de xullo, a partir das oito da tarde, na capela dos Martores. A entrada será de balde ata completar o número de persoas autorizado para este tipo de eventos.