A Secretaría Xeral para o Deporte pintará o pavillón de Beiro de Valga

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VALGA

O responsable do departamento autonómico, Lete Lasa, asinou onte un convenio de colaboración co alcalde, José Luis Bello, para acometer a obra, de case 80.000 euros de orzamento

10 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, visitou onte o Concello de Valga para asinar xunto ao seu alcalde, José María Bello, o convenio para acometer as obras de pintado de estrutura metálica no pavillón de Beiro, unha instalación municipal referente en canto a volume de utilización pola veciñanza.

A intervención terá un orzamento de 79.525,68 euros, que serán financiados pola Secretaría Xeral para o Deporte nunha porcentaxe do 82% (65.000,08 euros) e polo concello no restante 18% (14.525,60 euros).

Lete asegurou a importancia deste tipo de actuacións para a dinamización da actividade deportiva en concellos como o de Valga, cunha poboación de preto de 6.000 persoas. Neste sentido, destacou que a Xunta leva anos realizando unha forte aposta por mellorar e renovar as instalacións deportivas galegas para que os cidadáns poidan practicar actividade física nas mellores condicións.

Dos 32.474.216 euros cos que conta a Secretaría Xeral para o Deporte en 2021, 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020, cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns.