O día no que seis mil veciños sentiron o orgullo de ser o centro da cultura galega

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VALGA

VITOR MEJUTO

O 17 de maio de 1996 a Real Academia Galega tributoulle en Valga ao historiador Ferro Couselo a sétima homenaxe a un intelectual pontevedrés no Día das Letras Galegas

18 may 2021 . Actualizado a las 13:38 h.

A concesión do Día das Letras Galegas coloca cada ano un potente foco de luz sobre un deses moitos personaxes que traballaron toda a súa vida en colaborar naquelas mil primaveras máis que Álvaro Cunqueiro lle legou a Galicia. Unha celebración que permite coñecer en moitas ocasións nomes ata entón descoñecidos para o gran público. Tamén elevar o orgullo dos seus veciños ao redescubrir nalgúns casos a un ilustre paisano e por ver a súa localidade convertida por un día no centro da cultura galega. Unha dobre satisfacción que se multiplica en municipios pequenos. Como Valga e os seus pouco máis de 6.400 habitantes en 1996. Ese ano a Real Academia Galega (RAG) homenaxeou o historiador Xesús Ferro Couselo. Un home de moi escasa obra publicada, pero que desde Ourense, onde se afincou rematada a Guerra Civil Española como funcionario adscrito ao corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos, resultou crucial no pulo aos traballos de moitos outros investigadores da historia, da etnografía e da lingua e da cultura de Galicia. Desa xente que, sen facer ruído, constrúe país sobre alicerces pensados para servir a todas as xeracións por vir.

É o pobo de Valga coñecido desde hai moito pola paixón, sobria e rigorosa, pero paixón a fin de contas coa que visualiza os episodios e as figuras sobranceiras do seu rico pasado. Desde a batalla de Casaldeirigo na loita contra a ocupación francesa de principios do Século XIX ata o rescate e posta en valor da vida e da obra da bailarina, cantante e actriz La Bella Otero, transformada hoxe nun exemplo adiantado ao seu tempo de muller libre. En 1996, a elección de Ferro Couselo coma protagonista do Día das Letras Galegas levou o Concello valgués a esmerarse en dar a coñecer, a veciños e visitantes, o valor do seu traballo, fundamentalmente histórico, pero tamén de sistematización dos estudos arqueolóxicos en clave galega; ademais de participar, entre outros proxectos, na formación do Padroado Rosalía de Castro que presidiu Otero Pedrayo. Todo nun momento de extrema dificultade para quenes buscaban dar a coñecer a cultura propia de Galicia na ditadura franquista.

Na casa da cultura de Valga se ofreceu durante meses unha exposición cunha escolma da biografía e da bibliografía de Ferro Couselo, nado na parroquia de Cordeiro. A súa inauguración, o 28 de abril, completouse coa entrega á viúva do homenaxeado do diploma que acreditaba a este coma novo Fillo Ilustre do Concello de Valga -é ademais Fillo Adoptivo de Ourense-. Unha serie de mesas redondas sobre o impacto do labor de Ferro Couselo darían paso o 17 de maio de 1996 á visita dos membros da Real Academia Galega á localidade bañada polo Ulla.

Logo dunha misa oficiada por outro ilustre valgués, o Pai Isorna, e de visitar a exposición sobre Xesús Ferro Couselo, os integrantes da RAG participaron xunto con numerosos veciños na ofrenda floral na sepultura do historiador e no descubrimento dun busto no campo da igrexa e mais dunha placa no colexio de Cordeiro que leva o seu nome. Foi o prólogo á sesión académica extraordinaria que serviu de acto central do Día das Letras Galegas de 1996, coa igrexa de Cordeiro coma escenario. Con intervencións de Xesús Alonso Montero, Carlos Casares, Fernández del Riego e clausura a cargo do daquela presidente da RAG, Domingo García Sabell. Unha cerimonia na que Alonso Montero subliñou o talante «galeguista dos de antes da guerra, prudente pero rexo no seu galeguismo» do homenaxeado, con Carlos Casares salientando «a súa sinxeleza e o seu amor polos pequenos detalles» mentres García Sabell louvou a dualidade do valgués: «Un home de estudo e ao tempo un home de acción» cun «amor intelectual por entender a súa terra, o que nos fai a todos herdeiros e usufrutuarios do seu estudo». A interpretación do himno galego a cargo da Coral Polifónica de Santa Comba de Cordeiro puxo o broche á conmemoración do sétimo intelectual nado na provincia de Pontevedra en ser homenaxeado no Día das Letras Galegas.

A listaxe de ilustres da provincia

Unha listaxe esta que se abrira na oitava edición, a de 1970, dedicada ao estradense Marcial Valladares, e que continuou con Manuel Lago (Tui, Día das Letras Galegas de 1973), Xoán Manuel Pintos (Pontevedra, edición de 1975), Ramón Cabanillas (Cambados, 1976), Luis Amado Carballo (Pontevedra, 1982), Fermín Bouza-Brey (nado en Ponteareas pero criado en Vilagarcía, 1992), Ferro Couselo (1996), Roberto Blanco (Cuntis, edición de 1999), Xosé María Álvarez (Tui, 2008), Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 2012), Xosé Fernando Filgueira Valverde (Pontevedra, 2015) e Antonio Fraguas (Cotobade, 2019). Nómina ilustre á que se lle engaden outras voces de vidas profundamente ligadas á provincia, como as de Antón Losada (Día das Letras Galegas de 1985), Frei Martín Sarmiento (2002), Carlos Casares (2017), María Victoria Moreno (2018) ou a da homenaxeada onte, Xela Arias, nada en Sarria pero viguesa desde nova.

A orixe dun premio de investigación

Entre o amplo e coidado programa de eventos co que en 1996 acompañou o Concello de Valga a elección de Ferro Couselo coma homenaxeado polo Día das Letras Galegas figura a creación dun premio de investigación. O prazo de presentación de traballos para a súa 22ª. edición permanece aberto ata o 15 de xuño, con dúas modalidades para estudos sobre etnografía, peleografía, numismática, arqueoloxía, historia ou historia da arte.