Valga pon en marcha unha nova edición do premio Ferro Couselo

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

08 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Valga convoca a edición número 22 do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, un certame que homenaxea a esta figura da cultura galega e Fillo Predilecto do municipio, co obxectivo de promover e incentivar os estudos de investigación no campo das ciencias históricas. Os traballos poden presentarse ata o 15 de xuño nas dúas modalidades habituais. Á primeira, dotada con 4.000 euros, poden concorrer traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. As obras deben estar escritas en galego, ser inéditas e que non teñan obtido ningún premio anteriormente. Na segunda modalidade convócase unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga. Os participantes deben presentar un guión razoado no que detallen os obxectivos que pretenden acadar co traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do traballo.

Os participantes en calquera das dúas modalidades deben dirixir os seus traballos, baixo un lema identificativo, ao Rexistro de Entrada do Concello de Valga.