A lagoa de Mina Mercedes estrea unha varanda de seguridade

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

CEDIDA

15 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A posta en valor da fermosa paraxe de Mina Mercedes prosegue da man do Concello de Valga. Polo pronto, a lagoa dispón xa dunha nova varanda que cobre a metade do seu perímetro. Trátase do froito dos traballos que dende hai un mes executan os alumnos do obradoiro de emprego Ulla-Umia V, na súa modalidade de carpintería.

Nas súas primeiras semanas de desenvolvemento, os traballos centráronse na instalación dos postes sobre os que se asenta a estrutura. Agora, os aprendices están a colocar as demais pezas que integran a varanda, os listóns que conectan os postes, as travesas e os pasamáns, que ademais de ser instalados son convenientemente preparados e reciben unha capa de verniz.

Os concellos de Valga e Moraña promoven conxuntamente o obradoiro no que participan vinte persoas, grazas a unha achega da Consellería de Emprego por importe de 347.000 euros.