Comezan as investigacións arredor do capitel romano achado na eira dunha casa de Ferreirós, no concello de Valga

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

MARTINA MISER

O obxectivo é identificar o tipo de mármore co que está realizado e chegar a coñecer a súa procedencia

11 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O capitel de época romana achado recentemente nunha finca de Ferreirós e cedido ao Museo da Historia está a espertar o interese de investigadores e expertos en arqueoloxía. É o caso de Silvia González Soutelo, coordinadora do proxecto «Marmora Galicia», que traballa dende o ano 2012 na identificación, análise e datación de pezas de mármore de época romana, tardorromana e medieval localizadas en Galicia. O traballo desenvólveno un equipo de investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, do Instituto Catalán de Arqueoloxía Clásica, do Institute for Advances Study de Madrid e da Universidade de Burdeos (Francia).

Silvia González ?que no ano 2005 foi gañadora do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo coa obra As augas mineromedicinais en época prerromana e romana na provincia de Pontevedra, visitou o museo para analizar o capitel, que foi cedido ao Concello pola familia Freire Lorenzo e que, segundo se deprende das primeiras análises realizadas por técnicos municipais e da Dirección Xeral de Patrimonio, podería pertencer ao coñecido como «estilo Setecoros». De feito é moi similar a outro que se conserva no Museo da Catedral de Santiago, datado entre os séculos III e IV.

A investigadora realizou unha primeira aproximación á peza mediante unha análise visual, a realización de fotografías e unha toma de datos básica para o seu rexistro. O obxectivo é identificar o tipo de mármore co que está realizado e chegar a coñecer a súa procedencia. «O máis significativo deste capitel é que sexa de mármore, xa que en Galicia o material predominante foi o granito, por iso este tipo de pezas son excepcionais», indica Silvia González. Tamén destaca «a posible vinculación» deste capitel «coa área de Setecoros», aínda que «debemos ser cautos porque aínda non temos certeza. Foi localizado no mesmo concello, pero podería ser doutra área».

O proxecto «Marmora Galicia» ten identificadas ata o de agora arredor de 170 pezas arqueolóxicas marmóreas en territorio galego, un número que resultou sorprendente para os investigadores xa que «é moi superior ao que inicialmente supuxeramos». O grupo máis numeroso é o dos capiteis, pero tamén hai fustes e basas, partes de pilastras ou aras, entre outros. Entre os elementos inventariados atópanse os capiteis e os fustes do «estilo Setecoros» que se conservan nos museos de Pontevedra e da Catedral e na propia igrexa de San Salvador. En concreto, no templo parroquial de Setecoros atópanse dous capiteis e dous fustes que foron reutilizados no arco triunfal da igrexa.

A reutilización en monumentos ou edificios, maioritariamente relixiosos, é unha circunstancia recorrente neste tipo de pezas. De feito, ao capitel achado en Ferreirós semella que tamén se lle deu un segundo uso, posto que presenta un furado e unha rotura na súa parte superior que lle confiren forma de pía.