Valga destina 224.000 euros a reparar unha ducia de camiños

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

MONICA IRAGO

Os viais víronse moi afectados por algúns dos moitos temporais deste inverno

02 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Valga executará durante os próximos meses obras de mellora e pavimentación en varias estradas de titularidade municipal, nas que investirán 224.687 euros. .

Os viais obxecto de intervención atópanse en Carballa, Desabanda-Outeiriño, O Forno, Reguengo, Paredes, Laxes, Carracido, Baño, Parque-Moldes-Vilarello, Vilar, Raxoi e Balleas.

Estas estradas víronse afectadas por algúns dos últimos temporais e as inclemencias meteorolóxicas provocaron danos que agora se pretenden reparar. «O obxectivo é que as vías de comunicación de Valga se atopen en condicións axeitadas para prestar servizo aos usuarios, tanto peóns coma vehículos», segundo informa o Concello.

Entre os traballos que se levarán a cabo atópase a limpeza de cunetas e a posterior pavimentación con mestura bituminosa en quente de catro centímetros de espesor. Nalgúns casos tamén se instalarán canalizacións para a recollida de augas pluviais e os correspondentes sumidoiros. As obras financiaranse con cargo ao Plan Concellos da Deputación.

Os traballos acaban de saír a licitación tendo as empresas de prazo ata o vindeiro 26 de abril para presentar as súas ofertas través da plataforma electrónica da Consellería de Facenda da Xunta.