Valga por tres, para un concurso fotográfico internacional

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

cedida

A iniciativa pretende promover a creatividade durante o período de confinamento polo coronavirus, e animar á veciñanza a expresar os sentimentos e sensacións que está a experimentar nesta situación excepcional

19 abr 2020 . Actualizado a las 11:25 h.

O Concello de Valga convoca o concurso de fotografía «Valga queda na casa», unha iniciativa que pretende promover a creatividade durante o período de confinamento pola crise do coronavirus e animar á veciñanza a expresar, a través da imaxe, os sentimentos e sensacións que está a experimentar nesta situación excepcional.

O certame está aberto á participación de persoas empadroadas en Valga e tamén nos concellos homónimos de Estonia e Letonia que teñan unha conta activa na rede social Facebook. As tres localidades están irmandadas e, a pesar da distancia que as separa, os seus veciños están vivindo nestes momentos situacións moi semellantes a consecuencia da pandemia mundial do Covid-19.

Para concursar é preciso tomar unha fotografía co teléfono móbil durante a vixencia do período de confinamento en España. A imaxe debe publicarse na páxina de Facebook do Concello de Valga (ir á pestana de publicacións e engadir a foto mediante unha nova publicación pública na páxina) utilizando un dos hashtag #valgastayathome ou #valkastayathome. Na publicación é preciso mencionar ao Concello (@Concello de Valga).

Os participantes poderán subir ata un máximo de cinco fotos, aínda que non se terá en conta a cantidade, senón a calidade de cada unha individualmente. A temática debe cinguirse ao normal desenvolvemento da vida diaria no fogar durante o período de confinamento. Por esta razón as fotos deben ser tomadas exclusivamente nun lugar interior ou ben que sempre estea presente algún elemento que identifique que a imaxe foi tomada dende un espazo interior. Un xurado elixirá a mellor fotografía entre todos os participantes. Tamén se valorara que nas imaxes se fomente un estilo de vida saudable, o fomento da lectura ou as conexións interxeracionais e interculturais.

Os gañadores recibirán premios, por suposto. Quen se faga co primeiro posto será agasallado cunha cámara deportiva. O autor da segunda fotografía seleccionada recibirá un disco duro externo. E o bronce será unha tarxeta de memoria externa.