Antón Mascato presenta «Atila no Grove»

La Voz

VALGA

OSCAR VíFER

06 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O grovense Antón Mascato ten novo libro. Edicións Positivas publica «Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948)», que será presentado o vindeiro venres 13 na casa da cultura Manuel Lueiro, ás 20 horas. Os días 18 e 19, o traballo será presentado en Pontevedra e Vilagarcía, respectivamente. No Faiado da Memoria, a cita será ás 20 horas nos locais da asociación, en Vilagarcía.

«Atila no Grove» é a crónica política do acontecido en 1936 no país; un tempo de persecucións, asasinatos e sobreviventes do seu propio asasinato, sacas colectivas de mozos para seren paseados, requisas no patrimonio familiar, listas negras, consellos de guerra, detencións e encarceramentos, condenados a cadea perpetua, fusilamentos, resistencia armada e guerrilleiros no monte, presos en campos de concentración, torturas e malos tratos físicos, abusos sexuais, fuxidas colectivas en barco, agochos no monte e no mar, redadas, motíns militares, desercións do exército sublevado, exiliados... «Toda a maldade posible tivo lugar no territorio da vila mariñeira do Grove», di o autor. Un tempo atroz que só no Grove deixou vinte e cinco asasinados entre 1936 e 1939, cento cincuenta encarcerados e ducias de exiliados. En palabras de Mascato, «Atila no Grove» é tamén unha historia política que comeza nos anos anteriores á ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) e que chega ata 1948, «porque se dan nese ano tres acontecementos moi graves cando semellaba que o pesadelo xa rematara».