Comeza a ruta Tapa á Anguía en Valga

lucía l. seijas / B. c.

VALGA

MONICA IRAGO

Os locais inscritos servirán tapas gratuitas deste peixe coas consumicións ao longo esta fin de semana

24 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe e mañá • Todo o día • Valga converterase esta fin de semana na capital da anguía. Un total de dez establecementos hostaleiros ofrecerán aos seus clientes unha tapa que contará co peixe como ingrediente principal, que será gratuíta con cada consumición. Cada un dos bares e restaurantes preparará o prato dunha forma distinta, polo que os asistentes poderán degustar a anguía cociñada á brasa con salsa verde, en empanada ou coa técnica persoal de cada establecemento.

As persoas que se acheguen a probar o manxar poderán participar na elección da mellor tapa, e participarán así no sorteo de dez vales de compra para mercar no comercio local. Esta votación popular terá un peso de ata o 50 % na elección da tapa gañadora, mentres que a outra metade recaerá nun xurado profesional. Os premios entregaránse o vindeiro sábado 31.

Embelecer Valga

Como cada ano, o Concello busca o lugar máis fermoso da localidade. Hoxe, ás 10.30 da mañá, terá lugar a visita guiada polos lugares participantes. O consistorio outorgará ata 600 euros en premios, repartidos entre os tres lugares gañadores, que se entregarán tamén o próximo sábado 31.