A ruta das tapas de anguía de Valga contará con dez participantes

La Voz LA VOZ / VALGA

VALGA

OSCAR VíFER

A clientela poderá votar a receita que máis lle guste durante os días 24 e 25 de agosto

19 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A sexta edición da ruta-concurso «Tapa á Anguía» de Valga contará coa participación de dez establecementos de hostalería do municipio. Os bares e restaurantes inscritos e as tapas que ofrecerán son: café-bar Couceiro con «Anguía á brasa con salsa verde»; bar Juan coa tradicional «Empanada de anguía», café-ba Potel con «Anguía ao estilo Potel», cafetería Auditorio con «Ópera anguía», pastelería Caprichos con «Anguía na tella», bar Maneiro e a súa «Anguía ao estilo Maneiro», bar Alba cun «Rolo de anguía», café-bar Pontellón coa «Anguía ao estilo Pontellón», bar Pardal con «Tapa Pardal» e Corona de Galicia e a súa «Anguía La Fabulosa».

Os establecementos servirán as tapas aos seus clientes de xeito gratuíto coas consumicións os días 24 e 25 de agosto durante os que se desenvolverá o concurso, e tamén o 31 de agosto, a modo de degustación con motivo da xornada grande da XXIX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Será o Concello o que lles facilite a anguía xa limpa para que os cociñeiros poidan preparar as receitas.

Entre as persoas que acudan a degustar as tapas e participen na elección da mellor sortearanse dez vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local.

A votación popular terá un peso do 50 % na elección da tapa gañadora, mentras que o outro 50 % recaerá sobre un xurado designado pola concellería de Cultura. O bar que elabore a mellor receita recibirá o Mandil de Ouro e o segundo e terceiro clasificados, os mandís de prata e bronce.