Un domador televisivo para un espectáculo ecuestre no Ulla

r.e.

VALGA

Cedida

Un dos gañadores de «Tú sí que vales» acudirá á Festa da Xuventude de Valga con dous cabalos árabes e dous cans

20 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A vindeira fin de semana, Valga volverá a celebrar a Festa da Xuventude. O certame chega, este ano, con sorpresa. O Concello ven de anunciar ao adestrador de cabalos en liberdade Santi Serra Camps, que se deu a coñecer entre o gran público tras gañar o programa de televisión «Tú sí que vales». Chegará a Valga o día 1, acompañado por dous cabalos de raza árabe e dous cans, e desenvolverá nas beiras do Ulla un espectáculo baseado na doma pacífica, «unha disciplina que permite crear un vínculo físico e psíquico de entendemento cos animais».

Esta actividade será a guinda dun programa no que non fallarán os clásicos da Festa da Xuventude. Dende as vaquillas, ata as tradicionais e incombustibles Olimpíadas de Aldea. O prazo para participar nesta auténtica batalla entre os lugares de Valga aínda está aberto. Para participar nos torneos de brilé, carretilla, esquís cooperativos, xirarei e turrasoga precísanse equipos de catro xogadores titulares e dous suplentes. O «mundialito» de fútbol tampouco faltará nesta ocasión.