Exposición. «Facer unha escultura é unha forma extraordinaria de pasar o tempo»

A chegada da xubilación permitiulle dar renda solta á súa creatividade

.

ribeira / la voz

Xa cando era neno, en Valga, onde naceu, gustáballe dar forma a un taco de madeira, pero, por circunstancias da vida, non foi ata agora cando Arturo Vicente puido dar renda solta á súa creatividade. Unha boa mostra das súas últimas obras exponse estes días no centro social de Cabo de Cruz baixo o título Madeira de escultor, e dela falou tamén para os micrófonos de Radio Voz.

-Tivo que esperar ata a xubilación para explotar a súa vea creativa.

-A verdade é que si. Como tiña moito tempo libre empecei a darlle forma ao que xa viña facendo desde pequeno nos meus intres libres. Tamén tivo moita importancia coñecer a Jontxu Argibay, el axudoume moitísimo para aprender a facer unha talla con madeira, para saber utilizar as ferramentas e para comezar a elaborar figuras de barro e moldealas.

-¿Foi unha especie de mestre?

-A verdade é que si, e aínda continúo asistindo ás súas clases. Vén un día á semana a Cabo de Cruz a impartir un curso e sigo aprendendo, cada día un pouco máis.

-Sempre se aprende.

-Por suposto, ademais, sempre van xurdindo cousas novas.

-¿Que parte do proceso creativo prefire?

-O debuxo encántame, pero a lapis. Non pinto, para iso xa teño un irmán que se dedica exclusivamente a iso, para non pisarnos un ao outro [ri]. Para min facer escultura é unha forma extraordinaria de pasar o tempo. Antes non tiña ningún tempo e agora sóbrame.

-¿Vai alternando as técnicas?

-O debuxo téñoo algo abandonado e estou máis centrado na escultura. Vexo algunha cousa no periódico, nunha revista ou mesmo no Facebook e penso que podo plasmalo nunha obra. Primeiro fago un bosquexo e logo vou pola figura, pero créoa ao meu xeito. Ao mellor hai un músico que me chama a atención, e fágolle unha figura ao meu xeito, moi estilizada e cun toque persoal.

-Entón, a inspiración pode xurdir en calquera momento.

-En calquera lugar. De feito houbo unha época que aproveitaba as caixas do peixe que viñan coa marea á praia. Recollía todas esas táboas e teño cantidade de figuras feitas con elas.

-Todo serve para facer arte.

-Todo. Tiña dúas árbores que estaban medrando moito detrás da casa e as raíces estábanme estragando o xardín, así que as tiven que sacar e con elas elaborei as pezas que están aquí nesta exposición. Aproveiteinas todas e só quedan uns anacos.

-Ademais de madeira, tamén se atreveu co barro.

-Si, pero tamén con outros materiais. Aprendín a moldear o barro, fago o molde de escaiola e logo podo finalizar a peza en poliéster, en resina, en pasta de papel, en arame e papel de periódico... Manexo moitas técnicas e todo grazas a Jontxu Argibay, que me ensinou a facelas.

-Pero a madeira é a súa debilidade.

-Sen lugar a dúbidas, a madeira é o meu forte. Se vou pola rúa e vexo unhas táboas, recólloas. Teño un pequeno taller e está cheo de recortes de madeira. Sempre me gustou moito.

-¿Como xorde a posibilidade de facer esta mostra en Cabo de Cruz?

-Eu xa fixera unha pequena exposición para o Concello de Valga, porque nacín alí, e como teño moita amizade co alcalde, levei unha mostra, pero só con catro pezas. Pero a colección aumentou moito máis nestes anos. En Cabo de Cruz hai desde tallas pequenas ata estas figuras estilizadas das que falaba antes, e tamén hai pezas de animais a tamaño natural.

Exposición. Baixo o título Madeira de escultor, Arturo Vicente amosa nas instalacións do centro social de Cabo de Cruz as súas últimas creacións. Na mostra hai pezas de todos os tamaños e en distintos materiais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Exposición. «Facer unha escultura é unha forma extraordinaria de pasar o tempo»