«Manteño a forma de atender aos veciños sen previo aviso nin citas»

Leva dende 1991 ao fronte da alcaldía e pensa que ter o despacho aberto de par en par resulta fundamental


valga / la voz

José María Bello Maneiro chegou a alcaldía de Valga en 1991 representando aos independentes do seu municipio. Despois deu o salto ao PP. Cuns e con outros, non houbo, dende entón, quen lograse superalo nas urnas. Só o alcalde de Catoira, o socialista Alberto García, pode presumir na comarca de levar máis tempo que el ao fronte dun concello.

-Entramos na recta final do mandato, ¿repetirá como candidato nas próximas eleccións?

-Teño ganas e ilusión, as mesmas que o primeiro día, para poder presentarme ás próximas eleccións municipais. A intención é repetir, pero é unha decisión que dependerá dos compañeiros e da xente do partido.

-Leva dende o 1991 ao fronte da alcaldía, ¿despois de tanto tempo queda algunha cuestión pendente?

-Creo que un noventa por cento das previsións que se fixeron ao principio do mandato si que se cumpriron. Hai algunha que aínda non se cumpriu, pero que esperamos completar o máis pronto posible. O principal obxectivo para o que queda de mandato é ampliar a todos os veciños do Concello a totalidade dos servizos. Dende saneamento e abastecemento ata as comunicacións. O abastecemento xa o temos no 95 % da poboación. Antes das próximas eleccións estará ao 100 %

-¿Mudou a forma de gobernar despois de tantos anos?

-Entendo que non levei a cabo ningunha modificación á hora de xestionar o Concello, manteño a mesma forma de atender os veciños sen previo aviso e sen cita de ningún tipo. Algo que me parece esencial e fago dende o primeiro día.

-¿O trato directo cos veciños é clave para manterse eleccións tras eleccións?

-Tivemos un lema nas primeiras eleccións que era Concello para todos. Era algo que entendíamos que non se levaba a cabo e decidimos apostar por esta forma de traballar. En 1991 houbo un cambio importante na forma de funcionar. Basta con recordar que para conseguir un certificado de empadroamento, por exemplo, se podería tardar ata un par de días, e agora é algo inmediato. O que hoxe é normal daquela non o era. Houbo que achegar o Concello aos cidadáns. Foron uns anos difíciles, á hora de facer ver aos funcionarios que había que traballar doutra maneira más próxima.

-Fala de anos difíciles, ¿cal foi a decisión que máis lle custou tomar?

-Para dirixir o Concello, intentei dende o primeiro día que funcionase como unha empresa. Iso leva consigo unha atención directa e, aínda que iso teñen que dicilo os veciños e non o alcalde, creo que se conseguiu. Tamén houbo que pelexar por ter un instituto, un centro de saúde e unha escola de música.

-E o auditorio.

-Cando a escola de música empezou, fíxoo nas aulas do colexio de Baño, cos problemas conseguintes de que se movesen as cadeiras... A partir de aí conseguiuse un edificio que custou catro millóns de euros e do que, de verdade, estamos moi orgullosos. Non se trata só de lograr ao que un aspira, senón que hai que enchelo tamén de vida. Concellos da comarca con máis habitantes non lograron conseguir un edificio así, e facelo sen endebedar o Concello e mantendo os impostos mínimos paréceme un motivo de satisfacción. Dá gusto ver que está en permanente movemento, dende a sala de exposicións ata os cursos que alí se imparten.

-A outra cara son os proxectos que quedaron polo camiño, como a creación da mancomunidade Ulla-Umia. ¿É unha espiña ?

-Si. É un proxecto polo que apostamos e no que estiven oito anos de presidente. Creo que durante ese tempo fíxose un importantísimo labor. Tivemos distintos proxectos europeos e despois fallou. Penso que se politizou. É unha pena porque tanto nos anos que estivo na presidencia o alcalde de Catoira, Alberto García, sendo eu vicepresidente, como cando asumín eu a presidencia e me apoiaron os do PSOE, conseguimos pactar e poñernos de acordo para funcionar o organismo. Por iso lamento que a partir de aí non se lograse manter a mesma comunicación e deixase de funcionar.

-¿Cómo é a día de hoxe a relación cos alcaldes da comarca?

-Teño boa relación cos alcaldes, ou, polo menos, eu non son consciente de ter mala relación con algún. O que pasa é que non hai a relación esa permanente na que nos reuníamos con moita frecuencia; ao desaparecer a mancomunidade cada un seguiu o camiño polo seu lado. Iso si, compartimos o servizo de drogodependencia con Padrón, Dodro e Rois. E o obradoiro de emprego con Moraña. Un ano solicitase dende alí e outro dende Valga.

-Con quen non hai boa sintonía é coa xente do PSOE de Valga.

-Xa antes de comezar a lexislatura había un rexeitamento dos socialistas a todo o que fixese o goberno. En case tres anos de mandato imaxino que algunha cousa faríamos ben, pero nunca vin un recoñecemento. Penso que non é unha decisión intelixente pola súa parte, pero non vou entrar a valorar as liñas de actuación da oposición. Só quero dicir que xogan ao permanente desprestixio, sendo as continuas faltas de respecto e de educación o que máis lamento. A iso hai que sumar a denuncia permanente nos xulgados. Ás veces nos equivocaremos e tomaremos decisións erróneas, pero nunca faltando ao respecto a alguén.

«As comisións de coordinación que agora denuncia o PSOE creáronse co seu apoio»

«Non son consciente de ter mala relación con ningún dos alcaldes da comarca»

«O abastecemento

a todos os veciños estará concluído antes das próximas eleccións»

«O que buscan PSOE e En Marea é o derribo que non logran nas urnas»

-O Contencioso Administrativo acaba de darlle a razón á Deputación sobre o financiamento do CODI. ¿Recorrerán ou demandarán á Xunta?

-Os técnicos están estudando a posibilidade de presentar recurso contra a sentencia. Pero, se a decisión é non facelo, claro que reclamaremos á Xunta. Entendemos tamén que independentemente de que a Deputación pensase que no lle correspondía esta función, debe apoiar aos concellos cando teñen algunha necesidade. En todo caso, quero deixar claro que haxa subvención ou non, o financiamento do CODI está incluído nos orzamentos do Concello.

-Está falando de vontade por parte da Deputación e non de obrigación.

-As dúas cousas. Falo de vontade cero, pero o Concello tamén tiña un informe do director xeral da Xunta de Galicia no que se di que é competencia da Deputación.

-O xulgado de Caldas está investigando as comisións de coordinación.

-Nós facemos as cousas dentro da legalidade e contando cos informes favorables de secretaría e intervención, algo que xa sabe o PSOE local, pero hai que molestar e xerar dúbidas entre os veciños. Foi no primeiro mandato, no ano 1991, cando se acordou a creación destas comisións. O PSOE votou a favor e tamén participou. Nós presentámonos como independentes e houbo un recurso do PP, e quen era nesa data o responsable dos populares é un familiar directo da que hoxe é a portavoz do PSOE. Ese recurso foi rexeitado por un informe do que obvian a súa existencia. E, máis recentemente, outro integrante do PSOE, Javier Carballo, volveu votar a favor, e agora é un dos denunciantes.

-Cita os informes favorables de secretaría e intervención. Precisamente os dos postos que En Marea vincula a unha trama de corrupción capitaneada por vostede. ¿Coincidencia?

-Estamos a un ano das eleccións e o que se pretende é o derribo que non se consegue a través dos votos. Foi o PSOE o que lle pasou información a En Marea e supoño que terán un acordo para desprestixiarnos.

-Tamén se pronunciou o colexio de secretarios e interventores de Pontevedra (Cosital).

-A maioría dos de Cosital terían que pasar primeiro pola empresa privada. Paréceme xusto que loiten polos seus intereses, pero Valga no ten porque pagar máis do que di a lei. O de En Marea, en cambio, son falacias. A trama da que falan non ten pés nin cabeza.

,

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

«Manteño a forma de atender aos veciños sen previo aviso nin citas»