Con carácter xeral, a xornada queda establecida nun horario de oito da mañá a tres da tarde, cunha marxe de flexibilidade de 15 minutos tanto na entrada como na saída
02 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Ribadumia convocou este mércores unha mesa de negociación coa representación das organizacións sindicais CSIF, CCOO e CIG para abordar a implantación da xornada laboral de 35 horas semanais para o persoal municipal. A reunión concluíu cun acordo unánime para poñer en marcha esta medida, que comezou a aplicarse desde este mesmo xoves, 1 de outubro.
A convocatoria desta mesa produciuse no marco da resolución da Secretaría de Estado de Función Pública pola que se establecen instrucións sobre xornada e horarios de traballo do persoal ao servizo da Administración Xeral do Estado, que fixa a xornada en 35 horas semanais. Aínda que esta regulación non é de aplicación directa ás entidades locais, o convenio colectivo para o persoal laboral e o acordo regulador para o persoal funcionario do Concello de Ribadumia establecen que a duración da xornada municipal será a que, en cada momento, estea fixada para a Administración Xeral do Estado. Partindo deste marco, o Concello levou á mesa de negociación a proposta de implantar tamén as 35 horas semanais no ámbito municipal, co obxectivo de avanzar na mellora das condicións laborais do seu persoal e favorecer unha mellor conciliación da vida laboral e persoal.
Con carácter xeral, a xornada queda establecida nun horario de oito da mañá a tres da tarde, cunha marxe de flexibilidade de 15 minutos tanto na entrada como na saída. Para o persoal que desenvolve a súa actividade por quendas ou presta servizos cuxo horario está condicionado polo funcionamento das instalacións municipais, estableceránse as adaptacións necesarias en función das características de cada servizo.
O acordo alcanzado permite, sinala o goberno local, avanzar na mellora das condicións de traballo do persoal municipal mantendo, ao mesmo tempo, a organización necesaria para garantir o funcionamento dos servizos públicos e a atención á cidadanía. A medida incorpora así unha maior flexibilidade na organización da xornada e busca facilitar a conciliación, tendo en conta as necesidades específicas dos distintos servizos municipais.