Máis de 3.000 ovos fritidos e máis de mil racións de chulas e papas: a Festa do Pan triunfa en Ribadumia

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

M.Irago

O Concello cifra nunhas 1.500 persoas a asistencia aos actos do sábado

10 ago 2026 . Actualizado a las 21:21 h.

Ribadumia celebrou esta fin de semana unha nova edición da Festa do Pan, un evento que pechou cunha asistencia superior ás 1.500 persoas, nunha xornada en que participaron tanto veciños e veciñas da localidade, así como persoas chegadas doutros concellos. A resposta do público, din dende o consistorio, «confirma o crecente interese por unha celebración que, ano tras ano, gaña presenza no calendario festivo do municipio».

Un dos momentos centrais da programación foi a representación da moenda do gran nos muíños de Batán, que permitiu recrear parte dun traballo tradicional ligado á elaboración da fariña e achegar ao público unha pequena mostra de como era a vida en Ribadumia nos anos cincuenta. Tamén se celebraron obradoiros infantís que completaron todas as prazas dispoñibles, cunha boa resposta por parte das familias, que se sumaron ás actividades preparadas para os máis pequenos.

A xornada festiva incluíu ademais unha nova edición do concurso de sobremesas caseiras e do concurso de empanadas de millo, que volveron contar coa participación de diferentes elaboracións presentadas por veciños e veciñas. Ámbolos dous repartiron un total de 370 euros en vales para o comercio local.

A gastronomía tivo un gran papel protagonista durante a celebración. Na cea de confraternidade e nas diferentes propostas gastronómicas da noite consumíronse máis de tres mil ovos fritidos, máis de mil racións de chulas e papas de fariña e preto de trescentas botellas de viño tinto do Salnés.

Tras a cea, a música tomou o relevo coa actuación do Dúo Gaia, que animou a verbena e levou ao público ao baile, prolongando a celebración ata a noite. A tradicional representación da queimada puxo o punto final a esta xornada.

Con todos estes datos na man, o Concello de Ribadumia «fai unha valoración moi positiva desta edición e agradece a resposta da veciñanza e das persoas chegadas doutros concellos, así como a colaboración das persoas, colectivos, panadeiros e demais participantes que veñen facendo posible esta celebración desde os seus inicios». «Un ano máis, a Festa do Pan volve mirar cara á Ribadumia dos anos cincuenta para recuperar tradicións, sabores e costumes que forman parte da historia do municipio».