As músicas das bandas volverán a Ribadumia nun novo festival

Abel ozores / A.g. RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARTINA MISER

O auditorio municipal acollerá o encontro este sábado

08 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ribadumia acolleu onte a presentación da quinta edición do festival de bandas de música, unha cita que busca consolidarse como un referente cultural e poñer en valor o papel das bandas na formación musical e social da mocidade, tal e como asegurou o director da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, Adrián Pais.

Durante o acto, o alcalde, David Castro, destacou o compromiso do Concello coa difusión da cultura e puxo en valor o labor da Agrupación Músico Cultural de Ribadumia (AGMCR), á que definiu como unha entidade que realiza un gran traballo para achegar a música aos veciños. Ademais, subliñou o protagonismo dos nenos e nenas como garantía de futuro para transmitir tanto a música como a cultura ás novas xeracións.

O festival celebrarase este sábado día 11 ás 20.00 no auditorio municipal, coa participación da Banda de Música de Arca, a Banda Municipal de Agolada e a propia Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia. O rexedor tamén agradeceu a colaboración da Deputación de Pontevedra e das empresas privadas que fan posible o evento.

Pola súa banda, o director da AGMCR, Adrián Pais, mostrou a súa ilusión por seguir consolidando un festival pensado tamén para o lecer da veciñanza. Durante as declaracións, lembrou as palabras do trompetista, Esteban Batallán, recoñecido coa Medalla Castelao 2026, quen destacou o papel das bandas como trampolín aos músicos, dos que algúns deles rematan triunfando. Tras este inciso, Adrián Pais, fixo fincapé no papel educativo que segue a súa agrupación co obxectivo de lograr inculcar valores como a capacidade de traballo, o traballo en equipo e a escoita.

Como símbolo da aposta por potenciar o talento dos músicos máis noveis, o cartel desta quinta edición do Festival de Bandas de Música foi deseñado por Mateo Varela Sineiro, un dos nenos que forma parte da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia.

Por último, Adrián Pais concluíu dicindo: «Temos que seguir medrando e construíndo música e cultura entre todos».