Manu Fontán: «Esta medalla é un cambio de nivel, estar xa na elite do piragüismo»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Diego Domínguez e Manuel Fontán, durante a súa participación no Campinato de Europa a pasada fin de semana.
Diego Domínguez e Manuel Fontán, durante a súa participación no Campinato de Europa a pasada fin de semana. RFEP

O vilanovés vén de gañar o seu primeiro metal en barco olímpico na categoría absoluta nunha gran cita, o Europeo, e enfócase na última copa do mundo

16 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Fontán Señoráns apuraba onte as escasas 48 horas das que desfruta esta semana en Vilanova de Arousa. De volta o domingo de Montemor-O-Velho, na veciña Portugal, o canoísta do Náutico O Muíño de Ribadumia vén de conseguir o maior éxito ata o momento na súa carreira deportiva, subcampión de Europa no C2 500 en parella co seu compañeiro de embarcación desde este ano, o madrileño Diego Domínguez. Máis aló do título continental que conseguía na tarde do sábado no C4 500 Mixto, Fontán valora o impacto que supón a súa primeira medalla nun barco do programa olímpico nunha das grandes citas internacionais do piragüismo esprint en categoría absoluta.

«É unha medalla especial. Ata agora conseguira medallas nas categorías júnior e sub-23, e na categoría absoluta en modalidades non olímpicas. Esta prata é un salto de nivel, estar xa na elite do piragüismo», declaraba onte Fontán.

Campión e subcampión europeo e prata mundial no C2 500 sub-23 no pasado, co pontevedrés Martín Jácome como parella, subcampión continental júnior no C1 1.000 con anterioridade á súa aposta definitiva na canoa dobre, Fontán confesa que lle queda «a espiña de non ter conseguido a praza para o Mundial» deste verán. A que Domínguez e el se disputaron co poiense e padexeiro tamén do Náutico O Muíño Adrián Sieiro e co madrileño Daniel Grijalba. «O noso é un barco que comezou este ano, Diego tivo problemas a comezos de ano —unha amigdalite— e non puidemos adestrar moito», o que tería impactado no seu rendemento nas dúas primeiras copas do mundo, en Szeged e en Brandeburgo, nas que Domínguez e Fontán remataron oitavo e cuarto, superados na selectivo interno polo ouro de Sieiro e Grijalba na cidade alemá.

Con todo, o vilanovés mira cara adiante tras regalarse un momento para lembrar a gloriosa fin de semana que vén de experimentar en Montemor-O-Velho. O sábado, conquistando o seu primeiro gran título no C4 500 Mixto, composto por dous canoístas homes e dúas mulleres, coa pontevedresa Antía Jácome e a murciana Viktoria Yarchevska e Fontán e Domínguez montando xuntos por primeira vez na mesma embarcación o día anterior á final directa, o venres pola tarde, nada máis impoñerse na semifinal do C2 500. «Polo nivel que temos os catro, sabiamos que ía ser un barco potente, sobre todo se saiamos fortes. Así o fixemos, e inda que ao final Alemaña estivo preto, como saímos con esa explosividade, non foron capaces de acabar de recortarnos». Para Fontán foi o seu segundo podio no C4 500 Mixto, tras o bronce mundial do 2024 en Uzbequistán, con Yarkevska, Sieiro e a grovense Valeria Oliveira.

O título continental na canoa cuádruple elevou a moral de Domínguez e do arousán de cara a final do C2 500, explica este último. Sobre todo tras unha serie de clasificación na que quedaron ás portas de evitar a semifinal, cuartos prexudicados por unha pista que con vento prima as rúas 1 a 3, cando a eles lles tocara a 5. Tras mellorar as súas sensacións na semifinal, e vendo o éxito da aposta por unha saída explosiva no C4 500 Mixto, Domínguez e Fontán optaron por facer o mesmo na final do C2 500. Arrincando ás máximas revolucións os primeiros 75 metros, só foron sobrepasados polos rusos Zakhar e Petrov, medio segundo na meta, mesma diferenza que os españois lle quitaron ao dúo húngaro, bronce.

«Hai tanto nivel mundial no C2 500, que como saias atrás é moi complicado poder remontar». Con esta lección máis ca aprendida, Fontán volverá mañá a Mallorca para ultimar a súa derradeira cita internacional do ano, a Copa do Mundo de Montreal, en Canadá, do 9 ao 12 de xullo. Unha das oito probas que entre este ano e o que vén decidirán a clasificación dos países con dereito a competir nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028.