David Castro: «O 2027 é un horizonte posible para regularizar a Folla Redonda»
RIBADUMIA
O rexedor considera o tinto de Barrantes «un piar fundamental da economía e da cultura local«
04 jun 2026 . Actualizado a las 18:04 h.Para David Castro, a Festa do Tinto é un exemplo de fusión do tradicional e a innovación. «A esencia da festa é a posta en valor dun produto moi noso. Un produto e una forma de vida, que xa forma parte do noso ADN e de todas as familias do noso municipio», sinala o rexedor.
—Que supón esta festa para Ribadumia?
—É a festa por excelencia do noso municipio. O viño é protagonista da mesma, como reflexo da importancia que este produto ten nos fogares dos ribadumienses. É unha festa do pobo, e para o pobo.
—E que supón este viño para os veciños do municipio?
—O viño tinto de Barrantes foi e segue a ser, un piar fundamental da nosa cultura local, da tradición e da economía, non só do noso concello senón de toda a comarca do Salnés. O viño tinto destaca polo seu forte arraigo e identidade neste municipio.
—Noutras zonas vitivinícolas estase detectando un problema de relevo xeracional. Afecta esa cuestión aos produtores do tinto?
—O viño tinto e as variedades autóctonas teñen no noso municipio un importante arraigo xeracional. Todo o proceso de cultivo, coidado do viñedo e elaboración dos viños, pasa de xeración en xeración. Proba diso, e que moitos dos colleiteiros que participan cos seus viños nesta festa, son xa a segunda, terceira o cuarta xeración de colleiteiros.
—Que pode facer o Concello ou que está facendo a prol da regularización do tinto?
—Nestes último anos, déronse pasos moi importantes para a regularización do viño e da inscrición da folla redonda como variedade comercial. O Concello de Ribadumia activou formalmente o proceso ante a administración autonómica para amparar legalmente o cultivo e elaboración. A Xunta asumiu os estudios a través da EVEGA, e a tramitación oficial ante o Ministerio de Agricultura para lograr a inclusión no catálogo nacional de variedades comerciais. Xa se teñen realizado os ensaios agronómicos e de calidade enolóxica de dúas vendimas. Entendemos que a colleita deste ano 2026 será a última na que se farán as vinificacións e, por tanto, os prazos administrativos e de verificación técnica durante tres campañas sitúan o ano 2027 como o horizonte posible para que a Folla Redonda apareza oficialmente rexistrada. E a partir dese momento xa se poderá inscribir no potencial vitícola de variedades autorizadas en Galicia, e polo tanto autorizar plantacións e súa vinificación legal, o que significará que poida ser etiquetado cos correspondentes rexistros sanitarios e de embotellador.
—En que vai cambiar a situación do viño e dos colleiteiros se se consigue regularizalo?
—A inscrición da Folla Redonda, utilizada tradicionalmente para elaborar o viño Barrantes, imprlca inscribila no rexistro oficial de variedades comerciais. Isto permitirá no só un recoñecemento ao noso patrimonio vitivinícola local, senón tamén un respaldo a todo o proceso de produción e comercialización deste viño. Non podemos esquecer, que a o viño tinto supuxo en xeracións pasadas e na actualidade, un importante sustento económico nos fogares da comarca.