Gastronomía, patrimonio, folclore e tradición nunha nova edición da Festa do Pan en Ribadumia

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARIA SANTAMARIA

A celebración gastronómica terá lugar o 10 de agosto con prezos populares e moita animación

05 ago 2024 . Actualizado a las 19:42 h.

Baixo a sombra da Carballeira de Ribadumia presentouse onte a edición número vinte e un da Festa do Pan, que se celebrará o 10 de agosto. Este festexo nace do desexo de «recordar todos os anos o produto, que no seu tempo foi a comida e fonte de ingresos para os nosos pais», explicaba o alcalde de Ribadumia, o popular David Castro.

Este ano celebraranse os tradicionais concursos de sobremesas caseiras e empanada de millo, seguidos de actividades varias para os nenos, que inclúen inchables, a elaboración de pan ou espectáculos familiares. Ás oito e media da tarde, o grupo Xironsa acompañará aos asistentes ata os Muíños de Batán, onde o grupo de teatro Alecrín representará a moenda do millo e a elaboración de este tipo de pan. Pola noite contarán cunha verbena, a cargo do Dúo Caribe e a realización de unha queimada gratuíta.

Na presentación, David Castro anunciaba que o Concello está a piques de conseguir que, para a edición do 2025, esta celebración tradicional, que conta con 1.200 visitantes por ano, sexa recoñecida como festa de interese turístico de Galicia.

Unha festa de moitos

A celebración arredor de un produto como o pan é o resultado da achega de moitos veciños de Ribadumia. Dolores Bemposta, coñecida polas súas papas de fariña, explica que: «Cando era pequena había moita fame e aprendín a facelas da miña avoa». Como todas as grandes cociñeiras, esta non sabe dicir que cantidades exactas fai para a festa, simplemente, «dúas potas ben grandes». O alcalde apunta que: «Xa non todo o mundo se acorda dalgunhas comidas como as papas, recuperamos a receita destas na festa». Dolores Soto, a cociñeira das chulas, conta con empezar a cociñar sobre as oito do mesmo día, e facer algunhas máis que o ano pasado, cando se esgotaron. Na presentación aclarábase que os prezos seguen a ser para todos. Dous euros polos ovos fritos con pan, dous con cincuenta euros polo viño tinto do Salnés e un euro por ración de papas de fariña milla ou chulas.