O Rallymix de Ribadumia congrega un cento de coches

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Momento da anterior edición do Rallymix de Ribadumia, no ano 2022
Momento da anterior edición do Rallymix de Ribadumia, no ano 2022 MONICA IRAGO

Ás doce arrinca a primeira das tres pasadas ao treito cronometrado programadas hoxe, coas dúas restantes maña pola mañá

20 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campionato Xunta de Galicia de Rallymix vive esta fin de semana a cuarta das súas sete probas en Ribadumia. Baixo a organización da escudaría Desguaces Tino Racing, algo máis dun cento de coches cursaron a súa inscrición na cita que marca o ecuador do calendario. Concretamente, 104, divididos case por igual entre competidores da clase A, isto é, de carcross, e da clase B, na que os pilotos corren facendo equipo con cadanseu segundo de a bordo.

Os responsables da carreira escolleron un treito de 13,7 quilómetros entre o cruceiro vello da contorna da Senra e Besomaño, lugar por cuxas pistas metade asfalto metade terra farán cinco pasadas cronometradas os vehículos en acción. As tres primeiras, hoxe desde as doce da mañá, con pasadas continuas ata as oito e media da tarde. As dúas restantes comezarán mañá ás nove da mañá, coa entrega de trofeos prevista para as dúas e media da tarde.

Coa inscrición máis numerosa do que vai de temporada na man, un nome sobresae entre os 104 pilotos en acción: o de Alfonso Pisko Ventín. Aos mandos do seu Yacarcross, o de Cotobade é o claro favorito a impoñerse na clase A, logo de completar a súa participación nas tres primeiras probas puntuables do Campionato Xunta de Galicia de Rallymix con cadansúa vitoria. Sergio Fernández, Antonio Viloria, Abel Jurado, Manuel Rey ou David Souto son as principais alternativas ao dominio de Pisko.

Na clase B, a pelexa polo triunfo semella máis aberta, con candidatos como Manuel Osorio e Alberto dos Reis, Iago Caamaño e Alberto Rodríguez, Tino —presidente da escudaría anfitrioa— e Jorge Iglesias, Daniel Vázquez e Diego Ponte, Paco Dorado e Andrea Lamas ou Ignacio Barredo e José Antonio Vázquez, estes dous últimos, estreando en Galicia un N5 híbrido.

A terceira edición do Rallymix de Ribadumia, que volve tras un ano de parón, entregará un novidoso trofeo de copilotos en memoria de Bárbara Gómez Oubel.