Ribadumia despide a Benito do Carballal

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

CEDIDA

Recibirá sepultura este venres pola tarde en San Andrés de Barrantes

27 abr 2023 . Actualizado a las 19:58 h.

O Concello de Ribadumia quere despedir coa honra debida a Benito Alberto Vázquez García, Benito do Carballal, que faleceu este xoves aos 95 anos de idade. Benito, lembran no seu pobo, foi concelleiro de Ribadumia durante moitos anos. Despois ocupou o cargo de xuíz de paz. E, polas lembranzas del compartidas polo Concello, desempeñou ámbalas dúas responsabilidades con «perseverancia e eficacia, algo que fixo que fose moi coñecido e querido por toda a veciñanza de Ribadumia». Non é de estrañar, xa que logo, que vaia ser recordado con agarimo por xentes de todo o municipio.

Benito, ademais de ter vocación de servizo público, foi un dos promotores da constitución da Denominación de Orixe Rías Baixas alá pola década dos oitenta do século pasado. O seu traballo nese ámbito valeulle ser recoñecido como Cabaleiro do Albariño; ao longo da súa vida tamén foi condecorado cunha Medalla de Galicia.

Quen o coñecía din del que era «unha persoa entrañable, que seguía visitando, sempre que a saúde llo permitiu, os seus antigos compañeiros de traballo no Concello».

Familiares e amigos están a despedirse del no tanatorio de Ribadumia. Hoxe será soterrado, despois do funeral que se celebrará pola tarde na Igrexa Parroquial de San Andrés de Barrantes.