Somos Ribadumia: «David Castro pretende prohibir fumar onde está prohibido»

La Voz RIBADUMIA

RIBADUMIA

Martina Miser

O grupo da oposición cualifica de «ridículo» incluír o parque de A Piolla na Rede de Parques sen Fume

20 ene 2023 . Actualizado a las 14:06 h.

«As ansias electoralistas veñen de xogarlle outra mala pasada a David Castro». Así encabeza Somos Ribadumia o seu último comunicado en relación á participación deste Concello na Rede de Parques sen Fume. O parque infantil de A Piolla, en Couto de Arriba, loce xa o cartel co logotipo correspondente, algo que desde Somos consideran prescindible tendo en conta que «nos parques infantís está prohibido fumar dende o 2 de xaneiro de 2011». «Polo tanto, David Castro pretende prohibir fumar nun lugar onde esta prohibido fumar dende fai doce anos», indican desde o grupo da oposición.

«Así pois, David Castro non só fai o ridículo, ademais estraga recursos. Aínda que non moitos. Porque se a cousa non era bastante absurda, faltaba por ver como se aplica na práctica a campaña. Neste caso cun cartel de lona, tamaño A3, ou sexa, non moi grande e cun soporte bastante endeble, polo que seguramente non dure moito. E por se era pouco visible, o Concello colocouno medio agochado detrás dun taboleiro e alonxado varios metros da entrada do parque, non vaia ser que alguén o lea».

Somos insta ao goberno local a «deixar de estragar recursos públicos e de ridiculizarse na prensa (...) e actúe correctamente e decrete como libres de fume parques, prazas e outros espazos onde actualmente si se pode fumar».

A formación que lidera Enrique Oubiña anuncia que enviará un escrito á Xunta solicitándolle «que controle máis e mellor o destino dos fondos e recursos dedicados a estas campañas, para que estas cousas non pasen».