O Ciclocrós Internacional Concello de Ribadumia reunirá a 350 ciclistas

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

CEDIDA

A primeira edición contará con participantes de seis países europeos

14 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Carballeira de Ribadumia será mañá sábado escenario da primeira edición do Ciclocrós Internacional Concello de Ribadumia. A primeira proba deste nivel na localidade do Salnés contará con 350 participantes procedentes de media ducia de países, concretamente, de Portugal, de Italia, de Francia, de Bélxica e de Holanda, ademais dos chegados de practicamente todas as comunidades autónomas de España.

A cita, aberta a cinco categorías, cadete, júnior, sub 23, elite e máster, permitirá gozar da competición ao longo de todo o día, con dúas partes ben diferenciadas. Así, a mañá estará reservada á disputa das probas júnior, sub 23 e sénior e a tarde ás cadetes e máster.

Ás 10.30 horas daráse a saída da categoría júnior internacional, á que seguirá ás 12.30 as de júnior, sub 23 e elite femininas. Ás 13.45 horas será a quenda das categorías masculinas sub 23 e elite, pechando o programa matutino ás 14.50 coa cerimonia dos podios da última das carreiras da mañá.

O programa vespertino comezará ás 16.10 horas coas saídas conxuntas dos ciclistas cadetes masculinos e femininos. Os máster 30/50/60 masculinos e as femininas sairán ás 17 horas e os máster 40 serán os protagonistas da derradeira carreira, desde as 18 horas.

A primeira edición do Ciclocrós Internacional Concello de Ribadumia foi presentada onte na casa da cultura municipal, nun acto presidido polo alcalde, David Castro, e ao que asistiron a deputada provincial Noemí Outeda, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, o presidente do club anfitrión, o C.C. Ribadumia, Javier Pombo, e mais o vilagarcián Gustavo César Veloso, director deportivo do Tavfer-Mortágua Ovos Matinados, escadra profesional portuguesa de categoría continental.

O rexedor de Ribadumia aproveitou a ocasión para «convidar a todos os veciños de Ribadumia e dos concellos lindeiros e de arredores a pasar un bo rato no municipio e gozar dunha xornada deportiva como a que se espera este sábado».