Unha clase en Ribadumia para ensinar aos maiores a manexar o caixeiro do banco

La Voz RIBADUMIA

RIBADUMIA

ADRIÁN BAÚLDE

A actividade celebrarase este luns pola mañá

05 oct 2022 . Actualizado a las 14:02 h.

O Concello de Ribadumia acollerá o vindeiro luns 10 de outubro unha actividade enmarcada no Programa de Educación Financeira e destinada ás persoas maiores. Esta formación será impartida por Abanca en horario de 10 a 12 horas no edificio de Servizos Sociais do Concello.

Durante a primeira hora, os participantes recibirán contidos teóricos e, na segunda, acudirán ao caixeiro para poñer en práctica os coñecementos adquiridos na formación. Con isto, preténdese que os maiores aprendan a usar os caixeiros para facer as súas operacións máis habituais en calquera momento, sen depender destes trámites de forma presencial nas oficinas das entidades bancarias.

Con este programa, o Concello de Ribadumia busca achegar as novas tecnoloxías ás persoas maiores e reducir así a fenda dixital con estas persoas que, en moitos casos, se senten esquecidas ou abandonadas por unha sociedade cada vez máis hiperconectada e automatizada. Ademais, é importante amosarlles que as tecnoloxías implican cada vez máis as aportacións positivas na vida e no coidado das persoas.

As persoas que precisen de máis información ao respecto ou que estean interesadas en participar neste programa deberán contactar con Servizos Sociais.