Somos Ribadumia acusa a Castro de primar o fútbol por riba da oferta cultural en Semana Santa

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

Lamentan que a localidade só fose «zona de paso»

23 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Somos Ribadumia móstrase moi crítico coa xestión do grupo de goberno en materia turística co gallo da pasada Semana Santa. «Primeiro exame e primeiro suspenso a todos os niveis. Ribadumia foi en Semana Santa un aparcadoiro para a xente que fixo a Ruta da pedra e da auga ata a Armenteira ou zona de paso dos peregrinos, pero nada máis». Lamentan a «mala imaxe» que dou a maleza que crece ao carón das sendas fluviais, as papeleiras que non se baleiran e as trampas para avespa velutina que están colgadas nas árbores.

Ademais, Somos Ribadumia bota en falta a organización de actividades culturais e de promoción económica por parte do Concello. O cal, din, «contrasta co apoio desesperado que o goberno local fixo a un evento deportivo que tivo lugar dende o xoves ao domingo en Ribadumia. No Facebook do Concello, que David usa como se fora o del, contabilizamos 18 publicacións, moitas delas conexións de vídeo en directo, da fase clasificatoria do AF7, un evento, por certo privado. O que non se mirou nas redes sociais do Concello foi unha soa publicación animando a visitar o noso municipio, promovendo os nosos espazos de interese ou a gozar das bondades da nosa hostalaría. Só fútbol, fútbol e máis fútbol», indica o grupo da oposición.

Sin cobertura nas redes

«Hai que remarcar que no ámbito deportivo estas semanas están tendo lugar varios eventos importantes para os clubs locais aos que o goberno local non dedica a máis mínima atención. Por outro lado, só tres días antes de iniciarse a fase clasificatoria do AF7, a trinta metros de onde tivo lugar este evento, no auditorio celebrouse o VIII Festival de Bandas de Música Infantís, organizado pola Agrupación Musico Cultural de Ribadumia, e o goberno local non deu ningún tipo de cobertura nas redes, nin moito menos conexións en directo».