Javier Ramilo gaña a primeira proba do calendario, o Rallymix da Sidra

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Miguel souto

Tinín Iglesias e Bárbara Gómez vencen en turismos, co pai e co tío do primeiro segundos a tan só 1008 milésimas

12 abr 2022 . Actualizado a las 21:06 h.

Emocionante primeira edición a vivida no Rallymix da Sidra da Estrada esta fin de semana. Con Javier Ramilo Queijo, do Yacar Racing, facéndose co título da primeira carreira do calendario da especialidade neste 2022 tras manter unha dura pugna co piloto local Jacobo Andújar Moure, da Escudería Estradense.

Tanto é así, que Andújar gañou tres das cinco pasadas ao circuíto de 9,6 quilómetros preparado pola Escudería San Paio, organizadora de cita. Incluídos os dous primeiros scratches do programa. Unha mala terceira pasada de Andújar foi aproveitada por Ramilo para facerse co liderado ao termo da primeira xornada e conservalo á conclusión do ralimix pese ao novo triunfo do estradense no cuarto treito, primeiro dominical. Javier Ramilo, a bordo do seu Carcross Yacarcross, fíxose coa quinta e última vitoria parcial levando a xeral cun tempo de 34 minutos, 6 segundos e 590 milésimas. Jacobo Andújar acompañouno co seu Carcross Kincar como segundo mellor piloto no podio final cun crono de 34.17.483, 10,893 segundos máis, con Abel Jurado, compañeiro de escudería do gañador, terceiro en 34.32.544. 

Polo que respecta aos turismos, a pelexa polo título foi cousa de familia, de Ribadumia. Tinín Iglesias Duarte e Bárbara Gómez Oubel, parella máis aló do automobilismo, fixéronse co triunfo final tras acumular nas cinco pasadas estradenses un tempo de 36 minutos, 21 segundos e 761 milésimas. Só 1,008 segundos menos cá Celestino e Jorge Iglesias Cores, pai e tío de Tinín. Os catro, do equipo Desguaces Tino Racing e en cadanseu Ford Fiesta N5.