A polémica pola perda de subvencións, leva á oposición de Ribadumia a unirse para pedir un pleno

La Voz RIBADUMIA

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

PP, PSOE e Somos reclaman a David Castro «un xiro a deriva política do goberno local»

21 ene 2022 . Actualizado a las 14:10 h.

A oposición de Ribadumia, PP, Somos e PSOE, volve unirse para forzar a convocatoria dun pleno extraordinario, nesta ocasión a raíz de coñecerse a perda de medio millón de euros en subvencións correspondentes a dous plans da Deputación de Pontevedra que ían empregarse nunha importante actuación urbanística na contorna do CPI Xulia Becerra Malvar, o campo de fútbol de A Bouza e a rúa Condesa. A oposición acusa ao goberno de «secuestrar documentación, mentindo e falseando a realidade» en relación a este asunto e propoñen «intentar pola vía do acordo plenario dar un xiro a deriva política do goberno local».

«Os feitos, ademais, son da máxima gravidade, dende o plantexamento da actuación, abandonando o proxecto orixinal comprometido coa veciñanza de Barrantes polo propio David Castro e tratando de impoñerllo ao Umia e á comunidade educativa e ao mesmo tempo de ocultarllo á oposición e á opinión pública, a como se desenvolveu o proceso nestes meses, cunha xestión lamentable, ata as consecuencias: a perda de 529.000 euros en investimentos por xestionar de xeito nefasto o proceso de solicitude das liñas de axudas, e por non resolver problemas facilmente resolubles», sinalan os grupos vías comunicado.

«O resultado é que un ano despois de que o goberno local iniciara o camiño para levar a cabo a actuación referida, nin os colectivos afectados, nin a oposición, nin a veciñanza no seu conxunto sabemos que vai pasar con esa actuación. E é por estes motivos que consideramos que as explicacións deben darse agora». 

«As forzas políticas que conformamos a oposición, pero que non por iso temos menos lexitimidade á hora de participar na vida e nas decisións políticas municipais, consideramos que estes comportamentos, máis aló da crítica política, son ademais innecesarios nun goberno cunha folgada maioría, e non benefician á imaxe pública do noso Concello nin ante a cidadanía en xeral nin ante o resto de institucións públicas. A perda da calidade democrática no noso Concello é algo preocupante dende fai meses, polo que consideramos urxente que o goberno faga propósito de emenda e corrixa erros pasados, e que toda a corporación, goberno e oposición, redirixamos o funcionamento político cara a normalidade democrática que a veciñanza nos reclama».

En consecuencia instan ao goberno local a «favorecer a participación de todos os concelleiros e concelleiras da corporación municipal no desenvolvemento dos proxectos de importancia para o conxunto da cidadanía, establecendo espazos e tempos de consulta dos mesmos, someténdoos á valoración do pleno antes de levalos a cabo ou dispoñer partidas orzamentarias e en xeral actuando atendendo ao respecto debido a todas as forzas e persoas electas para representar politicamente ao noso Concello».