Nuria e Eva, cun gol en cada parte, lanzan o Umia a costa do Mos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

As locais foron totalmente superiores tras o descanso

16 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Umia C.F. ofreceu na tarde de onte un novo motivo para facer soñar a súa afección con algo grande esta temporada na Primera Nacional, a categoría de bronce do fútbol feminino español ata a creación dunha nova división por enriba o vindeiro verán. No céspede da Bouza de Barrantes, as pupilas de Jito Quintana deron conta, 2-0, da U.D. Mos, un equipo atascado na zona baixa da clasificación e con pinta de poder chegar a complicarse a vida dados os seus resultados, pero cun cadro de futbolistas dun enorme nivel como repetía onte o técnico do conxunto local.

Tardou medio partido o Umia en facerse dono do mesmo e asentar as bases da súa alegría final. Ambos os dous equipos protagonizaron unha primeira metade de ti a ti, moi disputada no medio campo, de moito contacto e case estéril por igual á hora de encarar as áreas. Case, porque no minuto 22, Nuria conectou de cabeza no segundo pau un saque de córner botado por Nati que mandou o esférico ao fondo das mallas do conxunto visitante. A propia Nuria ofrecería unha proba da implicación das xogadoras do Umia, xogando o resto do partido cunha posible rotura de nariz.

O golpe ao Mos puido ter sido mesmo maior antes do descanso de non errar Eva na súa decisión final de tentar pasar en vez de disparar a porta logo de regatear a porteira e sentar a unha central nunha xogada persoal.