A Deputación aproba proxectos para A Illa, Ribadumia e Meaño por un importe de 1,7 millóns

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

Actuarase na avenida Castelao, na EP-9306 Cobas-Padrenda e na urbanización Santa Eulalia

11 dic 2021 . Actualizado a las 19:43 h.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a tres proxectos «que suporán un cambio radical nas infraestruturas dos concellos da Illa de Arousa, Meaño e Ribadumia». Por unha banda contratouse a urbanización da avenida de Castelao, na Illa, que xa está lista para saír a licitación, ademais de aprobar a adxudicación do proxecto de mellora na EP-9306 Cobas-Padrenda, en Meaño, e da actuación nas rúas 2 e 3 da urbanización Santa Eulalia na contorna da Pousada, en Ribadumia. Estas tres accións supoñen un investimento provincial de 1.751.380 euros.

A maior partida é a da obra da Illa, 1.160.202 euros, que está financiada integramente pola Deputación de Pontevedra a través de fondos propios e de achegas do Plan Concellos. Con esta actuación de mobilidade sostible seguindo o modelo da Deputación daráselle prioridade ás persoas e colectivos vulnerables garantindo a accesibilidade universal a través dun espazo peonil amable e de calidade, itinerarios peonís continuos ou unha zona de convivencia de prioridade peonil. Ademais, instalaranse sistemas de calmado de tráfico.

En Ribadumia investiranse 256.000 euros na humanización do entorno da pousada logo de que «o anterior goberno deixou todo feito unha auténtica desfeita», segundo subliñou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

En Meaño investiranse 478.800 euros en obras que servirán para acondicionar a estrada provincial, de 820 metros, e mellorar así a funcionalidade e a seguridade para o tráfico rodado e peonil. O viario contará con dous carrís de 2,75 metros, unha beiravía na marxe dereita e unha senda peonil na esquerda. Tamén se executará unha glorieta na intersección coa EP-9305 e realizarase unha pequena praza.