Un gol de Domi dálle ao Umia a vitoria no derbi e licenza para soñar

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

O conxunto de Jito Quintana pon fin á imbatibilidade do líder, Viajes Interrías

20 nov 2021 . Actualizado a las 21:06 h.

O Umia C.F. levouse o gato á auga no derbi arousán da Primera Nacional, a categoría de bronce do fútbol feminino español. Domi, no minuto 85, decantou a balanza do bando local no duelo co Viajes Interrías sobre o céspede da Bouza de Barrantes. Un triunfo pola mínima con varios multiplicadores para o colectivo que adestra Jito Quintana. Por ser o rival quen é, líder invicto con sete triunfos e dous empates nas nove xornadas precedentes. E por consolidar a brillante xeira do cadro vermello, que co 1-0 da tarde do sábado encadea cinco vitorias e 16 dos últimos 18 puntos en xogo no seu haber. Unha traxectoria que o consolida cuarto na clasificación do Grupo 1.

Desde o primeiro minuto quedaron claras as intencións dun e doutro adestrador. Fiel ao estilo de Jito Quintana, o Umia C.F. apostou pola posesión e a circulación do balón na procura da portería contraria. O Viajes Interrías de Luis Treviño, pola contra, optou por acomodarse na súa metade de campo á espera de cazar o coiro e catapultalo a base de fútbol directo a territorio inimigo tentando conectar unha boa carreira das súas referencias en ataque, Machado e Natalia de Francisco ou, no seu defecto, dar pé a algunha acometida a balón parado.

A trama defensiva despregada polo Interrías, cun debuxo en 5-2-2-1, anulou o xogo combinativo do Umia na primeira parte. Carla Piñeiro, nunha internada por banda, tivo a única ocasión meridianamente clara antes do descanso, pero non acertou a colocar a pelota e golpeou defectuosamente coa súa perna mala, a dereita.

Na reanudación, máis do mesmo. O Interrías fiouno todo a pelotas en longo das que tirar proveito nalgún córner, falta lateral ou mesmo saque de banda, estériles ante a consistencia defensiva rival; mentres o Umia porfiaba en construír un camiño cara ao gol coa pelota pegada ao pé e ao chan.

Unha volea de Eva foi rexeitada pola porteira visitante, Paula, sen que ningunha compañeira acertase a aproveitar a segunda acción. A cancerbeira do Viajes Interrías salvou ademais in extremis un remate de Nati xurdido da súa indefinición cunha das súas centrais. O Umia conseguía roldar algo máis a meta rival e así foi como no minuto 85 chegaba o único tanto do partido: Un pase filtrado por Nati en banda dereita ao interior da área para Nuria, esta golpeou escorada desviando a gardamallas visitante e Domi non perdoou chegando desde atrás.

No seu intento por salvar un punto, o Viajes Interrías contou cun remate nunha melé na área local, pero a porteira do Umia, Antía, parou o balón. Ao pouco consumouse un 1-0 co que Jito Quintana declara: «Podemos luchar por soñar».

FICHA DO PARTIDO:

UMIA C.F. (1): Antía Fernández, Carla Rial, Cris Feijoo (Laura Rodríguez, min 84), Ainhoa, Noa (Antía González, min 84), Carla Piñeiro (Laura Souto, min 64), Natalia, Eva, Domi, Nuria e Tania (Nerea, min 80).

 VIAJES INTERRÍAS (0): Paula, Ainhoa Danis (Carmen, min 80), Catarina Santos, Mireia (Jacinta, min 90), Alexandra, Laura (Sofía, min 62), Raquel (Gallardo, min 80), Antía, Patricia, Machado e Natalia de Francisco. 

GOL: 1-0, min 85: Domi.

ÁRBITRO: César Montes, auxiliado nas bandas por Iris Romero e por Fernando Manuel González. Amonestou a xogadora visitante Laura.