A Preferente regresa con todas as da lei e máis acento arousán ca nunca

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

Vilalonga e Ribadumia saen entre os favoritos ao ascenso, co Cambados e co Umia compartindo a meta de permanencia cun Céltiga de volta tras ano e medio parado

25 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Preferente completará mañá o inicio da súa Liga 2021/22. Tras a versión experimental coa que a Real Federación Galega de Fútbol quixo recuperar a súa actividade co formato exprés da pasada primavera, a categoría volve con todas as da lei. Con 50 equipos, divididos en catro subgrupos e dúas fases por diante. No 2A, coa probablemente maior participación arousá na historia da Preferente e o obxectivo compartido polos seus doce conxuntos: rematar o primeiro treito da competición entre os cinco mellores. Vilalonga e Ribadumia, sinalados por todos os seus rivais coma firmes candidatos a pelexar na segunda fase do curso polas dúas prazas de ascenso á Terceira R.F.E.F. correspondentes ás provincias do sur de Galicia. O resto, incluídos Céltiga, Juventud Cambados e Umia, buscando co pase á liguiña polo ascenso asegurar a permanencia pola vía rápida. Así chegan os conxuntos arousáns ao inicio da tempada e así vén a Liga a través dos seus adestradores.

Céltiga

«Poucas luces e moitas sombras» como balance da pretemporada. Así condensa o técnico do Céltiga, Edu Charlín, as súa impresión sobre o estado do equipo. Por dous motivos. Por ser o único dos cadros arousáns da Preferente que a temporada pasada optou por non retomar a competición coa pandemia golpeando inda forte, o que se traduce en ano e medio sen xogar a lo menos a metade do seu cadro de futbolistas. O segundo, as lesións: «Javi, o noso capitán, rompeu no primeiro adestramento o ligamento interno dun xeonllo e inda lle queda un mes parado; e Pablo, o central, sufriu nun amigable un edema óseo e unha fisura na cabeza dunha tibia e ten dous meses de recuperación máis». Por todo o anterior, Charlín di que «se tivera outro mes máis de pretemporada, sería fantástico». Con todo, non quere escusas: «Esta Liga non vai dar descanso. Pero o formato é o que hai. O Céltiga na Preferente ten que aspirar ao máximo». 

Juventud Cambados

«O obxectivo non pasa de pensar en cada partido e sumar o máximo de puntos nesta fase». Pénjamo sinalaba onte o duro que se lles fixo aos seus futbolistas a primeira pretemporada ordinaria en dous anos, inda tendo competido a maior parte deles na Liga exprés 2020/21. De feito, o Cambados conta con tan só catro caras novas respecto ao cadro de xogadores que a piques estiveron de conseguir a praza do fútbol galego na eliminatoria previa da Copa do Rei. O adestrador do Juventud pon voz á opinión de todos os consultados ao sinalar o Vilalonga, Ribadumia e Portonovo como claros favoritos a dominar o Subgrupo 2A, «sen esquecer o Gran Peña, que agora é o Celta C». 

C.D. Ribadumia

«Retomar la categoría perdida». Contratado este verán como relevo de Luis Carro no banco da Senra, Yago Yao non se agocha á hora de expoñer o obxectivo co que parte un C.D. Ribadumia vítima da longa nómina de descensos fixados na pasada edición da Terceira División. Para volver a ela, Yago Yao reuniu un curto pero potente cadro de efectivos, conservando oito homes do descenso, entre eles titulares coma Roberto Pazos, Miguel, Cheri, Cerqueiras e Dieguito, aos que sumou outros tantos homes da área de Vigo cos que xa contara nos seus anteriores destinos. Poucos efectivos pero «polivalentes», sinala o técnico, e de calidade sobrada para a categoría. 

Umia C.F.

«Llegamos con muchas ganas e ilusión pero no en el mejor momento». Cunha mestura a partes iguais de repetidores e fichaxes, o Umia vive a súa segunda campaña na Preferente con Sergio Martín relevando a Óscar Guimeráns na dirección técnica. Cun obxectivo «muy claro, salvar la categoría», o adestrador bilbaíno ve como o Umia debe abrir a Liga cun equipo en cadro. Con nove baixas, especialmente sensibles as de Nacho e Kimi no centro da zaga, Emilio e Álex Guillán na medular e con Sayar coma único dianteiro.

  

Vilalonga

«O noso é o grupo máis forte con diferenza dos catro da Preferente». Tras dúas tempadas e media á fronte do Vilalonga, Ricardo Fernández ten entre mans un potente cadro de futbolistas asentado sobre a continuidade do equipo que rozou o ascenso a pasada primavera, potenciado na liña de creación por fichaxes da calidade de Manu Santos (Alondras), Michael (Pontellas) e Joni (Atios). Con todo, Ricardo advirte que «imos ter que estar ben cada semana porque nesta Liga non se poden cometer moitos erros».

A primeira xornada marca a tónica: derbis a gogó

O Subgrupo 2A da Preferente arrincará mañá coa que será unha xornada tipo, marcada casa semana polos derbis arousáns: Umia C.F.-Portonovo (A Bouza, 12 horas), C.D. Beluso-Vilalonga (As Laxes, 17 horas), Céltiga-C.D. Ribadumia (Salvador Otero, 18 horas), e Xuventú Sanxenxo-Juventud Cambados (Baltar de Arriba, 18 horas).