O premio Ribadumienses en prol do galego é este ano para a asociación Teatro Alecrín

La Voz RIBADUMIA

RIBADUMIA

MARTINA MISER

O acto de recoñecemento celebrarase cando a situación sanitaria o permita

07 may 2021 . Actualizado a las 17:27 h.

O Concello de Ribadumia vén de aprobar cos votos a favor de IR, PP e PSOE a proposta para que a Asociación cultural grupo de teatro Alecrín sexa a homenaxeada no ano 2021 como Ribadumienses en prol do Galego polo seu labor na difusión en prol do idioma, se ben os actos oficiais de recoñecemento se realizarán cando a situación sanitaria o permita.

A asociación teatro Alecrín creouse no ano 1999 en Ribadumia. Conta con catorce membros de idades entre os 11 e ata os 85 anos. Naceu cun afán de entreter ao público por medio das súas obras teatrais que representan en distintos escenarios, non obstante, o presidente da asociación sinala que «á parte de cumprir coa súa finalidade, os compoñentes desfrutan xuntándose para ensaiar e compartir esta actividade de lecer que os fai sentirse máis activos».

Sempre apostaron polo uso do galego en todas as obras realizadas e percorreron distintos concellos da provincia dando testemuña das tradicións galegas. Levaron a cabo distintos proxectos, entre os que se encontra a realización de cancións populares e un filme gravado en distintos lugares do municipio. Ademais, tamén colaboran coas institucións municipais mediante distintas actividades entre as que destaca a representación da moenda que se realiza cada ano na celebración da Festa do Pan.

Actos polas Letras Galegas

Así mesmo, o Concello de Ribadumia ten previsto realizar unha programación adaptada á figura de Xela Arias co gallo da Letras Galegas, que inclúe un vídeo para difundir nas redes sociais do Concello, unha exposición da súa obra, un mural coa biografía da homenaxeada e unha actividade en streaming na que intervirán recoñecidas personalidades do espazo audiovisual galego e persoas vinculadas a figura de Xela Arias.