Empate tolo do Umia (4-4) e 1-0 do Vilalonga co Juventud

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Grégor salvou no 87 un punto para os de Óscar Guimeráns nun partido con sete goles na última media hora de xogo e o Cambados desperdiciou un empate

02 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Umia C.F., que o domingo pasado se estreaba de regreso 30 anos despois na Preferente como primeiro líder do Subgrupo Sur C coa súa goleada 4-2 sobre o C.D. Beluso, cedeu onte o primeiro posto ao Pontevedra B logo do seu empate a 4 no campo do Gran Peña e do triunfo do filial granate sobre o C.D. Beluso por 0-2. Isto, nunha xornada completada coa vitoria, pola mínima, do Vilalonga sobre o Juventud Cambados, nun moi entretido e disputado primeiro derbi do Salnés na competición que se está a disputar en formato exprés. Nico Fraga, no minuto 19, decantaba o choque no Novo San Pedro, co cadro visitante vendo como  Rodri lle paraba un penalti a David Rial a uns quince minutos da conclusión do encontro.

Mentres, no Municipal de Barreiro, os afeccionados presentes deberon de divertirse do lindo vendo os oito goles asinados e a tolemia que se desatou na última media hora de xogo.

Co Gran Peña por diante do marcador desde o tanto de Paramos no minuto 3, o Umia C.F. iniciou un brutal intercambio de golpes no 61 da man de Migui Sayar. No 64 Grégor, que acabou convertido no heroe visitante, adiantou o Umia, pero Iván Capelo puxo o 2-2 no 66. Os de Óscar Guimeráns volveron coller vantaxe da man de Guillán no 72, xa sen o seu porteiro titular, Aarón, expulsado no 68. Capelo, no 81, e Iglesias, no 83 levaban o marcador ao 4-3. Pero Grégor, no 87, pechaba o 4-4 final.