Prohibido confiarse, consigna de Luis Carro ante o pechacancelas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Sandra Alonso

O C.D. Ribadumia visita esta tarde a un Pontellas que só foi quen de sumar 7 puntos na Liga

07 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Con todo inda practicamente por decidir a falta xa tan só de catro xornadas, unha das poucas cousas claras no Subgrupo 2 da Terceira é que o Pontellas é virtualmente equipo de Preferente Galicia a vindeira tempada. Con tan só 7 puntos, 13 menos cos dous equipos que o preceden no penúltimo e no antepenúltimo postos da clasificación, o Atios e o Ourense C.F, e con 14 de desvantaxe respecto ao C.D. Ribadumia; o Atios iniciará a segunda fase da Liga sen opcións realistas de eludir un dos oito descensos en xogo nunha fase de permanencia con 12 equipos en lid.

Unha solitaria vitoria, na undécima xornada a costa do C.D. Choco (1-0) e catro empates contrastan coas trece derrotas acumuladas polo conxunto do Porriño. E con todo isto, o adestrador do C.D. Ribadumia, Luis Carro, di alto e claro que «se pensamos que somos moito mellores có Pontellas equivocámonos». Un aviso á súa tripulación lanzado na véspera do duelo que ambos conxuntos dirimen hoxe desde as cinco sobre o céspede artificial de San Campio.

O adestrador aurinegro debuxa un pechacancelas «parecido ao noso equipo, tanto por presuposto como por cadro de xogadores». E subliña o feito de que «leva semanas demostrando que é un equipo competitivo. Na Lomba perdeu (2-1) encaixando no tempo de desconto a balón parado, e a semana pasada, co Rápido de Bouzas, perdeu porque no 58 marcáronlle de penalti despois de quedar con dez» na mesma acción, para rematar 2-0. En ambos os dous casos, plantándolles cara a dous dos equipos máis potentes do subgrupo e a domicilio.

«A pesar das dificultades, o Pontellas é atrevido con balón. E mellorou no aspecto defensivo respecto á primeira volta» na que, lembra Luis Carro, o C.D. Ribadumia, «xa nos custou gañarlles, 1-0 no desconto».

Avisados están pois os seus xogadores, co técnico vilanovés repetindo a convocatoria da semana anterior, a da vitoria 1-0 sobre o Barco, con Eloy mancado nos isquiotibiais, con Fran Matos empezando a readaptación tras a súa lesión de longa duración e con Paco saíndo da súa.