O Arousa, a despachar hoxe a un potencial rival na segunda fase

Pablo Penedo Vázquez
PABLO PENEDO VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Martina Miser

Con Táboas coma única baixa, Rafa Sáez salienta a importancia da volta da afección

06 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa e o Rápido de Bouzas abren esta tarde, ás 19 horas no Campo Municipal da Lomba, a vixésima xornada de Liga do Subgrupo 2 galego da Terceira División. Un encontro tan altamente esixente coma impactante nos plans de voo dun e doutro equipo, que comparten longas traxectorias sen coñecer a derrota no campionato. O Arousa, desde que caera 1-2 co C.D. Choco na quinta xornada, o 15 de novembro. O Rápido de Bouzas, co 0-2 encaixado a mans do C.D. Ribadumia o 8 de decembro, na xornada 9, coma último tropezo pagado con 3 puntos de penalización.

Segundo clasificado, xa a 5 puntos do Arenteiro, o cadro vilagarcián non se pode permitir ceder máis terreo nos catro partidos que lle restan por disputar antes de encarar na segunda fase unha miniliga de seis xornadas con dous ascensos directos en xogo. Unha fase á que arrastrará todos os puntos colleitados na primeira, cos seus sete empates nas últimas nove xornadas convertidos nun pesado lastre ante as marchas do Arenteiro e dun Bergantiños líder do Subgrupo 1 con 41 puntos.

Quinto na táboa, o equipo vigués atópase empatado a 25 puntos cun partido menos có C.D. Choco e 2 por debaixo dun Alondras con dous partidos pendentes de xogar nas follas arrincadas ao calendario. A traxectoria deste último, de feito, é un motivo máis de alerta para o Arousa, xa que de gañar ambos os dous aprazados, o cadro de Cangas situaríase case á par dos de Rafa Sáez. 

Aspirante a terceiro

O adestrador arlequinado lembraba onte que o Rápido de Bouzas pasou de moverse entre os catro últimos clasificados nos primeiros compases da tempada a aspirar inda ao terceiro posto que lle daría a chave para pelexar polas dúas prazas de ascenso directo á futura nova cuarta categoría do fútbol español, a Segunda División R.F.E.F.

«É un equipo de bos xogadores, de xogar o balón ao pé», di Rafa Sáez, de aí que agarda un choque «aberto, non de primacía defensiva, de buscar moito a portería contraria».

O duelo de hoxe será o primeiro que o Arousa poida disputar no campo da Lomba co apoio da súa sempre entregada afección desde que o 13 de decembro o conxunto vilagarcián xogase o derbi do Salnés co C.D. Ribadumia. Un partido de rivalidade que finalizara con empate sen goles, consolidando as boas sensacións e a mellor imaxe do cadro aurinegro no primeiro treito da competición. Rafa Sáez amosaba onte a súa satisfacción por recuperar o calor dos seguidores do Arousa, que cualificou de «feito importante». E é que «para os xogadores contar coa nosa afección sempre é un acicate. Necesitámola para empurrar nos momentos difíciles dos partidos» que, por regra xeral, sempre acaban aparecendo; ata ante o rival teoricamente máis asequible, como o Arousa puido comprobar recentemente, o 14 de febreiro no paso do pechacancelas Pontellas pola Lomba (2-1).

Tres meses despois, medio millar de seareiros poden ocupar asento na Lomba

Desde o empate sen goles co C.D. Ribadumia no derbi do Salnés do 13 de decembro, os xogadores do Arousa tiveron que afacerse a afrontar os seus compromisos de Liga na Lomba sen o calor da súa afección. Un apoio entregado cuxo valor se subliñou e se subliña en incontables ocasións desde o vestiario arlequinado. Palabras respaldadas polos feitos, cando o certo é que co 0-0 fronte ao C.D. Ribadumia o Arousa iniciou unha fase de baixón de resultados, materializado nunha serie de sete empates e tan só dúas vitorias nos seus últimos nove encontros. Isto é, a volatilización de 14 dos 27 puntos en xogo desde mediados de decembro.

Hoxe son 500 os seareiros que poderán volver gozar da experiencia de presenciar un partido en vivo e en directo nos asentos das gradas da Lomba. A mesma cantidade que recuperara o Arousa pouco antes da prohibición de espectadores nos eventos deportivos e logo de ter que moverse nos 150 asistentes durante parte da competición.

O vicepresidente do club, Rodrigo Lojo, explicou que a directiva decidiu cambiar o sistema de acceso aos partidos. Ata o último coto, os socios do club debían retirar as invitacións ao longo da semana nas oficinas do Arousa. Pero iso, di Lojo, «xenerábanos aglomeracións nas oficinas durante a semana e o día do partido». A partir de agora os socios poderán coller a súa entrada desde unha hora antes dos partidos, poñéndose á venda a 15 minutos do seu inicio as que puideran sobrar.