O Arousa recibirá a un Rápido de Bouzas en liña ascendente

O conxunto vigués visitará mañá A Lomba tras oito partidos invicto; o Ribadumia xogará o domingo na casa contra o pechacancelas


vilagarcía / la voz

Catro partidos lle restan ao Arousa para tentar sumar o máximo número de puntos posible non xa só para acceder á liguiña polos dous postos de ascenso directo á Segunda RFEF, a nova cuarta categoría do balompé español a partir da vindeira tempada. Tamén para recortar a vantaxe de puntos que os líderes dos dous subgrupos galegos da Terceira División, o Bergantiños, con 41, e o Arenteiro, con 39, lle sacan ao cadro arlequinado, que suma nestes momentos 34. Neste empeño, os homes de Rafa Sáez non o terán nada fácil mañá no campo da Lomba co Rápido de Bouzas, quinto clasificado, coma rival. Fronte a fronte, dous equipos en dinámicas do máis positivas, co cadro vilagarcián aspirando a ampliar a súa xeira de trece xornadas consecutivas sen coñecer a derrota, polas oito que encadea o vigués.

Non perde o Rápido de Bouzas desde que o 8 de decembro caía 0-2 a mans do C.D. Ribadumia. Idéntico resultado ao colleitado só tres días antes no mesmo escenario, o Baltasar Pujales, diante precisamente do Arousa. Desde entón, cinco triunfos e tres empates, na seguinte orde e con estes rivais e marcadores: Arenteiro, 1-1 a domicilio, Ourense C.F., 2-1, Choco, 2-1, Atios, 0-0 en campo rival, 3-3 na casa co Estradense, 1-0 sobre a U.D. Ourense, 0-1 co Barco e, o pasado domingo, 2-0 a costa do pechacancelas, Pontellas.

O paralelismo nas traxectorias recentes do Arousa e do Rápido de Bouzas amplíase, só que de maneira cruzada, mirando os focos das súas maiores alegrías e preocupacións. Así, mentres o Arousa se mostra tremendamente sólido fóra da casa, único equipo da Liga sen perder como visitante con 4 vitorias e 5 empates, polos 5 e 2, máis as súas dúas derrotas na Lomba; o Rápido só sumou 8 dos seus 25 puntos totais a domicilio, con 2 triunfos, 2 igualadas e tres partidos perdidos.

Os homes de Luis Carro xogarán o domingo na casa dun pechacancelas con tan só 7 puntos

Dezaoito xornadas de Liga van xa consumidas na Terceira División e o pechacancelas do Subgrupo 2, o Pontellas, tan só foi quen de puntuar en cinco delas. Con catro empates e unha única vitoria. E para máis inri, con dúas das igualadas nas afastadas xornadas 3 e 4, sen goles no campo do Alondras e cun 1-1 ante a U.D. Ourense. O 1-0 sobre o Choco co que pechou o 2020 na xornada 11, o 0-0 na Estrada da xornada 13 e o 1-1 a costa do Barco do pasado 7 de febreiro son as contadas alegrías do equipo que este domingo recibirá o Ribadumia na decimonovena xornada do campionato.

Se o exceso de confianza nunca é bo, o feito de que o Pontellas sume 5 dos seus 7 puntos nos últimos dous meses e medio e tamén 5 na casa debe axudar os de Luis Carro a non baixar a garda.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Arousa recibirá a un Rápido de Bouzas en liña ascendente