Unha chegada de perigo para acabar con dous meses de seca

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

Cerqueiras, no minuto 2, marcou o 1-0 final para un Ribadumia que xogou 55 minutos con dez

17 feb 2021 . Actualizado a las 23:13 h.

O C.D. Ribadumia puxo na noite de mércores fin a dous meses de seca e a unha xeira de cinco derrotas aproveitando a súa tempraneira e única chegada de perigo ante o Atios, rival directo na zona baixa da clasificación. Cun gol de Cerqueiras no minuto 2 que, unido á capacidade de resistencia dun cadro que quedaba con dez no minuto 39, lles insufla vida aos de Luis Carro antes da visita este domingo a outro adversario pola permanencia, o Estradense.

Unha obra de ladrón de guante branco púxolle en franquicia o partido adiado da xornada 14 ao Ribadumia. O balón chegou ao bordo dereito da área grande visitante aos pés Sergio de Paz con toda a vantaxe ante a carreira de Cerqueiras. Pero vese que ao lateral lle faltou tempo para quecer. O extremo local meteu o pé con ansia, levou o coiro e cruzouno ante o gardamallas do Atios, Diego, sen tempo de reacción fronte á pifia do seu compañeiro.

O cadro aurinegro non volvería asinar un achegamento con perigo, mentres o Atios mordía cachos cada vez máis grandes na alternancia da posesión, ao tempo que aceleraba os intervalos entre os seus aguillonazos sobre a pel dos dominios de Pazos. Con dúas moi claras para marcar. No minuto 9, con Joni filtrándolle un gran pase a Mintegui en tres cuartos de campo; o punta completou a súa carreira cun disparo en diagonal na área que blocou o porteiro local. O mesmo que evitou que o propio Joni marcase no 27 nun pícaro saque de falta de Mota a 25 metros da portería buscando, en xogada ensaiada, o empeine do seu compañeiro de medular superado o seu par.

A conexión con pases entre liñas ao desmarque en carreira de Mota e Joni foi un suplicio para as lentas marcas e axudas do Ribadumia. O seu maior logro, o derrubo de Javi Domingo a Joni cando galopaba con ventaxe no balcón da área de Pazos, custándolle ao central a vermella no 39 e ao seu equipo verse asediado con fluidas internadas do Atios ata o descanso.

Aguantou o Ribadumia o chaparrón inicial que lle caeu á volta de vestiarios. Iniciado cun disparo por liña de fondo de Xoel aos 54 segundos e con Joni quedando a un palmo de rematar só diante de Pazos nun centro á área antes de disparar na seguinte alto en carreira. En superioridade numérica, o técnico do Atios cambiaba a súa defensa de cinco a tres e aplicou unha explosión demográfica de homes de vermello no cuarto traseiro do campo aurinegro.

Pero o Ribadumia non tardou en adaptarse. Plantando dúas sólidas barricadas case sen separación xusto por diante da área grande. O asedio do Atios continuou sen tregua, mais para desesperación do seu adestrador, só viu porta nun potente tiro cruzado do recén ingresado Marcos Pérez, que a zaga desviou a córner no 70.

FICHA DO PARTIDO:

C.D. RIBADUMIA (1): Roberto Pazos, Santi, Diego Abal, Javi Domingo, Miguel Vázquez (Carlos, min 75), Giráldez (Cheri, min 75), Óscar Iglesias, Cerqueiras (Álex Fernández, min 85), Óscar Martínez (Charles, min 59), Fran Fandiño e Cristian (Eloy, min 46).

ATIOS (0): Diego, Pacheco, Sergio de Paz (Cora, min 73), Cristian, Héctor, Stefan, Joni, Mota, Antón (Marcos Pérez, min 69), Xoel (Carlos, min 69) e Mintegui. 

GOLES: 1-0, min 2: Cerqueiras.

ÁRBITRO: Óscar Martínez Santos (Colegio de Santiago). Expulsou con vermella directa o xogador local Javi Domingo (min 39). Tamén amonestou os seus compañeiros Fran Fandiño, Miguel Vázquez, Giráldez, Carlos e Álex Fernández.