A axencia de doación necesita sangue; este venres e sábado haberá unha unidade móbil en Ribadumia

LA Voz RIBADUMIA

RIBADUMIA

MARTINA MISER

As reservas dos grupos sanguíneos B positivo, B negativo e cero negativo están baixas

04 feb 2021 . Actualizado a las 10:16 h.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai un chamamento á cidadanía para doar sangue, moi especialmente, aos doantes dos grupos sanguíneos B positivo, B negativo e cero negativo. As reservas deste grupos presentan niveis baixos, «polo que resulta preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón de sangue», segundo informan desde a propia axencia. «A demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos centros hospitalarios non diminuíu na situación actual, polo que necesitamos da colaboración e xenerosidade de todos e todas para conseguir entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias».

As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán ao longo destes días numerosos concellos galegos, entre eles Ribadumia, onde estarán o venres e o sábado a maiores do servizo que funciona no Hospital Provincial de Pontevedra, de luns e venres das 8 a 15 horas, e os martes, mércores e xoves das 15 a 22 horas. Pode doar sangue calquera persoa con máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. «A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar a vida».

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as páxinas de ADOS en redes sociais e o teléfono gratuíto de cita previa 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. Aínda que se pode acudir de forma espontánea é recomendable solicitar cita previa.