A televisión fixa o Ribadumia-Cádiz de Copa do Rei o xoves 17 de decembro

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Martina Miser

O cadro aurinegro quere centrarse hoxe na Liga, hoxe coa visita Á Senra da U.D. Ourense

22 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O C.D. Ribadumia xogará o xoves 17 de decembro, e non o mércores 16, o seu partido da primeira rolda da Copa do Rei 2020/21, co Cádiz visitando o Campo Municipal da Senra. Así llelo informou a Real Federación Española de Fútbol a ambos os dous clubs unha vez coñecidas, conta o presidente do Ribadumia, Toño Serantes, as preferencias de Mediapro, a cadea de televisión que dispón dos dereitos de retransmisión do torneo.

O certo é que os primeiros cruces da Copa poden e serán distribuidos en tres días, entre o martes 15 e o xoves 17 de decembro. Con todo, cabe a posibilidade de que o Ribadumia-Cádiz acabe xogándose na data inicialmente prevista, o mércores 16. Así a lo menos o pretende o club andaluz, cuxo presidente, Manolo Vizcaíno, se puxo en contacto con Toño Serantes para coñecer a súa disposición a volver ao día inicial, toda vez que o Cádiz debe xogar a fin de semana anterior co Celta en Balaídos e, por lóxica, quere aforrar un día lonxe da casa. A directiva do Ribadumia trasladoulle que pola súa parte non hai problema ningún se conseguen facer cambiar a opinión de Mediapro.

Os problemas do adestrador do cadro aurinegro, Luis Carro, pasan porén por lograr que os seus homes aparquen na cabeza unha semanas o partido de Copa e se centren na Liga, na que o Ribadumia só sumou 1 punto dos últimos 9. Hoxe, na Senra (16.30 horas), para derrotar a unha sólida U.D. Ourense en boa liña, con Fran Matos e con Santi sumándose a Álex Fernández, a Óscar Martínez e a Paco nas baixas locais.